O accidente produciuse na curva próxima á rotonda de Cabanas
O condutor foi intubado no lugar e trasladado en ambulancia medicalizada ao hospital Alvaro Cunqueiro. O sinistro, que se producía en torno ás 8:30 horas da mañá de hoxe nas inmediacións da rotonda de Cabanas en Trasmañó, provocou importantes retencións de tráfico. Segundo información da Policía Local de Redondela, o home colidiu contra o muro dunha vivenda logo de circular varios metros de xeito errático.
Un particular foi quen informou do suceso en torno ás 8:30 horas da mañá deste venres. O condutor do turismo, que se desprazaba pola N552 en dirección Redondela-Vigo, tería conducido varios metros de xeito errático ata acabar saíndose da vía e colidindo o vehículo contra o muro dunha vivenda en Cabanas. O coche sufriu importante danos que afectaron principalmente á zona do copiloto que afortunadamente ía valeira. Todo apunta a que o condutor, un home de avanzada idade, sufriu unha indisposición ao volante sendo atendido no lugar por persoal das dúas ambulancias que se trasladaron a zona e finalmente trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro tras ser intubado polo persoal médico.
O coche quedou atravesado na estrada provocando importantes retencións de tráfico, principalmente en sentido Vigo cunha caravana de varios kilómetros.
Ademais dos axentes da Policía local desprazáronse ao lugar a Garda Civil de tráfico, Bombeiros de Mos e operarios de Conservación de Estradas.