A illa de San Simón acolleu na xornada de onte a IV Xornada Cantábrica na que participaron expertos do sector pesqueiro, investigadores e empresarios co obxecto de analizar a interacción con especies protexidas, a trazabilidade dos produtos do mar e a comercialización dos produtos pesqueiros.
Ao longo deste mércores celebrouse en San Simón a IV Xornada Cantábrica organizada pola Asociación de Organizacións de Produtores de Pesca do Cantábrico (OPPs Cantábrico). A alcaldesa, Digna Rivas, foi a encargada de inaugurar a actividade xunto ao Director Xeral de Pesca Sostible do Ministerio, Ramón de la Figuera, e o presidente de OPPs Cantábrico, Norberto Emazabel.
Rivas Rivas amosou a preocupación polo descenso de capturas experimentado na enseada polo cambio climático e puxo en valor o gran traballo dos profesionais do mar en Redondela e alertou da preocupación no sector e tamén no Concello porque as capturas descenden ano tras ano “ameazadas polo cambio climático. o quecemento global, os episodios de seca e as choivas torrenciais provocan cambios na temperatura e salinidade da auga. Algo que cualificou de “grave ameaza para o delicado ecosistema da nosa enseada, e tamén para o medio de vida de centos de familias que dependen dela”. Por este motivo fixo un chamamento “ao compromiso de toda a sociedade, do propio sector e das administracións para frear o cambio climático”.