Os nacionalistas, que reiteran unha vez máis que non van apoiar ningunha moción de censura que desaloxe a Rivas da alcaldía, lamentan que unha vez superado o mes dende a cuestión de confianza fallida presentada pola alcaldesa e vinculada as contas municipais, eses orzamentos quedarán automaticamente aprobados, malia tratarse “duns orzamentos que unicamente obedecen ao interese persoal dalgúns dos membros do goberno do PSOE”.
“Unhas contas continuístas, difíciles de executar e máis centradas na propaganda que en prestar servizos de calidade” así define Xoán Carlos González os orzamentos que o goberno local vai manexar neste 2025 en menos dun mes. Unhas contas cun “marcado carácter privatizador” que entrarán en vigor logo da cuestión de confianza presentada por Rivas que foi rexeitada abrindo a porta a unha moción de censura que non conta cos apoios suficientes para saír adiante.
Neste sentido asegura o voceiro nacionalista “a xente en Redondela sabe que pola parte do Bloque non se vai apoiar ningún tipo de moción de censura pero non ten tan claro que o propio goberno municipal conte coa mesma fidelidade”.
Conclúe facendo referencia a unha cuestión que confianza que ao seu entender só “pretende agochar a mala xestión do goberno local” e facendo alusión a un “achegamento do PSOE ao Partido Popular co único obxectivo de afogar ao BNG, mais non o van conseguir”.