Un ano máis, e xa van 19, a parroquia de Nespereira en Pazos de Borbén celebra este domingo unha cita na que todos os pratos están elaborados con produtos da casa. Os ovos doados pola veciñanza permitirá elaborar un menú no que o combinado de ovos fritidos con patacas e chourizo é prato estrela, pero tamén se servirán tortillas, empanadas e grelos con ovos e chourizo. Nesta edición, cuxa pregoeira é a redondelá e presentadora da TVG, Laura Vaqueiro, a novidade chega da man da mascota “a galiña Nespi”. Como aperitivo este venres celebran o NespeFest, a IV edición dun encontro de Djs con Romántico Latino como cabeza de cartel.
María Cruces, dende a Comisión de festa agradece a colaboración veciñal “que doan todos os ovos e os grelos que se empregan na elaboración dos pratos” e que tamén colaboran activamente na propia xornada do domingo “cociñando, servindo e asegurándose que todo está a gusto dos comensais”. En total son unhas 50 persoas as que participan nesta Festa do ovo que confía en despachar máis de 1500 racións ao longo do día.
Unha xonrada que arrancará cunha andaina organizada polo Concello de Pazos que partirá ás 9:30 horas dende o torreiro de festas para percorrer unha distancia de 12 kilómetros. As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente no teléfono 692 613 790 ou a través do correo trasospasosdamoura@gmail.com.
A degustación dos diferentes pratos comezará as 11:00 horas e ás 13:30 terá lugar a lectura do pregón a cargo de Laura Vaqueiro. A comida estará amenizada polo Dúo Estelar e o grupo Jarana Dance.
A novidade deste ano chega con “Nespi”, unha galiña que durante a festa será un reclamo máis para veciños e visitantes.
Os organizadores da Festa son tamén responsables do NespeFest, unha cita musical pensada para o público máis novo que se celebra na noite do venres e que contará coa actuación dos Djs Romántico Latino como cabeza de cartel xunto con traffic House, Khris Guez e Rulo.
A cita musical arrancará ás 23:00 horas do venres e desenvolverase na carpa instalada no recinto da festa.

