O CD Choco afrontou a última xornada da liga, na que se xogaba a permanencia, como se dunha película se tratase. Hai seis semanas, Juan Amoedo asumiu o mando do equipo nun momento crítico, coa misión de salvagardar a categoría en Preferente. A pesar de reavivar a esperanza da afección e dun vestiario que loitou ata o final, o empate 1-1 ante o Cented Academy no decisivo encontro no Campo de Santa Mariña selou o descenso a Primeira Galicia. Un final agridoce tras unha tempada de intensa loita.
Amoedo regresou a Redondela desde Arabia Saudita, onde adestra na academia do Celta, para asumir o reto do primeiro equipo. O técnico, que apostou por reforzar a confianza dos xogadores sinala que “foron seis semanas moi intensas, nas que ser de aquí e sentir o club fixo que as emocións estivesen a flor de pel. Chegamos á última xornada con opcións, dependendo de nós se gañabamos, pero non nos valía o empate polo golaverage perdido co Ponteareas. Foi unha experiencia nova para min, no meu club, e a nivel persoal foi moi duro porque puido ser un final de película, pero non foi así”, declarou.
Amoedo destacou a ilusión que logrou espertar no equipo desde a súa chegada: “Sorprendeume a acollida dos xogadores e do club. Flotabamos nese momento, sen problemas, cunha unión total. Só tiven que darlles ferramentas e acompañalos. A ilusión dos rapaces e da afección foi clave”. Sobre a tempada, mencionou partidos complicados contra rivais con obxectivos altos, como o Cultural Areas, que loitaba polo play-off, ou o Céltiga, que buscaba o campionato. “Quitando este último partido, todos os rivais xogábanse algo. Tentamos recuperar lesionados e competir contra todos. Os resultados mostran que podiamos: empatamos 2-2 co Cultural Areas e 1-1 contra o Beluso nas últimas xornadas, incluso vencemos 0-2 ao Porriño”, engadiu.

A nivel estratéxico, Amoedo explicou que o seu enfoque foi máis emocional que táctico: “Traballamos o psicolóxico, facéndolles ver que non había que tirar a toalla e que representabamos un escudo con historia. Tacticamente, cambiamos o sistema para adaptalo aos xogadores e facerlles crer que podiamos facer dano a calquera rival. Nunca tivemos sensación de inferioridade, e iso é co que me quedo, aínda que o final foi cruel”.

Un partido marcado pola polémica
Sobre o encontro contra o Cented Academy, Amoedo relatou: “Comezamos fortes, como era a nosa seña de identidade, buscando golpear cedo. O gol de Marcos (10’) deunos vida, pero na segunda parte eles creceron conseguindo o empate no 65’. Nos últimos 10 minutos, vin a tres xogadores chorando en pleno partido pola impotencia, porque o rival non se xogaba nada e nós todo”. O momento máis doloroso foi o gol anulado no minuto 93: “Iker tirou dende moi lonxe, como o gol do primeiro partido de Ronaldinho contra o Sevilla. A bola bateu no traveseiro, caeu dentro e saíu. Pardavila rematouna por se o árbitro non daba o primeiro gol, pero anularon as dúas accións: a primeira por non considerar gol e a segunda por fóra de xogo. Foi incrible”.
Amoedo cuestionou a decisión arbitral: “O árbitro parecía que sinalaba ao linier que o pensase ben, pero era un linier novo, sen experiencia. Nun partido así, cun equipo xogándoo todo e outro que non, as leis non escritas do fútbol din que ante a dúbida non se pita. Ese gol, de gañalo, era a salvación automática. Non descendemos por ese gol, pero foi un golpe durísimo”.
Tras o pitido final, Amoedo describiu un vestiario en estado de shock: “O primeiro que fixen foi levantalos do chan. Estaban destrozados, non querían entrar no vestiario porque iso significaba aceptar o descenso. Xogadores como Iker, Marcos ou Paulo sentíanse responsables. Había moito sentimento”. O adestrador eloxiou o comportamento da afección: “Foi exemplar. Un gol que significa un descenso puido desencadear problemas, pero non houbo altercados. Iso demostra o cariño que hai polo Choco”.

A pesar da amargura, Amoedo quixo destacar o apoio da afección: “Estiveron aí nunha situación difícil, e co descenso a unha categoría á que as novas xeracións non están acostumadas. Non é fácil apoiar nun momento así tendo que baixar a Primeira, e fixérono de forma incrible”. Agora, o CD Choco enfróntase ao reto de reorganizarse para buscar o regreso á Preferente. A tempada deixou un sabor agridoce, pero o esforzo do equipo e a paixón da afección quedan como alicerces para o futuro.
