Hoxe é Sábado 17 de Maio de 2025

SD Pazos cae na prórroga e despídese do ascenso

497053947_1372367303932497_767253868679442602_n

A tempada de fútbol sala chegou ao seu fin para o SD Pazos tras unha amarga derrota por 3-4 fronte ao Concello de Begonte FS no seu primeiro e único encontro dos play-offs de ascenso a Segunda B. O partido, disputado o pasado sábado 10 de maio ás 19:00 horas no Pavillón Municipal de Pazos de Borbén, foi un enfrontamento decisivo cargado de emoción.

Os goleadores do conxunto local foron Jacobo, Pablo e Jonás, quen mantiveron ao equipo na loita ata os últimos instantes. Malia o esforzo, o SD Pazos non puido superar ao Begonte, quedando sen opcións de ascenso nesta tempada. O equipo, que realizou unha gran campaña na liga regular, rematando no terceiro posto con 54 puntos, viu truncado o seu soño de ascender nas eliminatorias.

O club expresou nas súas redes sociais o “orgullo” polo traballo do equipo, destacando a igualdade do encontro e a intensidade vivida: “Un partido que tivo de todo: emoción, goles, polémica, alternancia de dominio e ocasións, decantouse na prórroga por 3-4 a prol do Concello de Begonte Fútbol Sala”. Ademais, fixeron fincapé na espectacular atmosfera no Municipal de Pazos, cunha bancada ateigada de público. “A afección local non parou de animar e empuxar aos nosos, xunto a moita xente chegada dende a Terra Chá. Un espectáculo digno de outra categoría que dignifica o noso deporte e deixa claro que o noso club crece e une a todo un pobo que respira fútbol sala polos catro costados”, afirmaron.

O SD Pazos agradeceu o apoio incondicional dos seus seguidores, con palabras de gratitude: “Grazas, grazas e grazas!”. A pesar da derrota, o club mantén a cabeza alta, considerando que o resultado non empaña a gran tempada realizada. “Non puido ser, pero voltaremos a intentalo”, aseguraron, felicitando ao Concello de Begonte pola vitoria e desexándolle sorte nas seguintes roldas.

O SD Pazos pecha así unha tempada memorable, coa convicción de que “voltaremos máis fortes” para seguir facendo historia no fútbol sala.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: