A Festa gastronómica máis representativa de Redondela despediuse onte con centos de comensais na carpa de degustación. Un espazo que acolleu no mediodía deste domingo o pregón a cargo de María Foscaldo e o seu personaxe “Virtudes, A Repunante”. Unha cita que se despediu coa música do Combo Dominicano nunha carpa que na xornada do sábado acolleu o concerto da veterana Orquesta Mondragón.
O tempo, malia as chuvias puntuais, non impediu gozar dunha fin de semana de festa en Redondela. Unha cita gastronómica que volveu encher o centro da vila de centos de comensais que se achegaron á carpa instalada no campo da fera para degustar os clásicos chocos con arroz na súa tinta ou empanada de choco pero tamén se animaron a probar outras especialidades máis innovadoras como choco á feira, con salpicón de marisco ou choco con garavanzos. E tamén se puido degustar outra modalidade que cobrou forza nas últimas edicións: a pizza de choco.
Uns pratos que prepararon restaurantes como Casa Chano, O Tranquilo, Lugar da Serra (Soutomaior) e Ecolagar e as panaderías Luisa e Vila dos Viadutos, baixo unha carpa na que tamén atopamos os produtos de Anaquel Gourmet, Paladarqueso, Filloas María, a adega Quinta das Eiras e a artesanía de Lelate, que presentou bixutería creada para a ocasión como pendentes con forma de choco e xoias realizadas con area da praia de Cesantes encapsulada.
