Hoxe é Sábado 17 de Maio de 2025

O PP reclama a Rivas que devolva os cartos cobrados pola asesora do BNG tras confirmar a Xustiza a súa ilegalidade

oficina bng concello

O TSXG vén de rexeitar o recurso de apelación presentado polo Concello contra a sentenza anterior que ditaminaba a ilegalidade do posto de cargo de confianza do BNG de Redondela. Os populares lembran que este cargo fora unha das condicións do pacto de investidura que aseguraba a Rivas o voto a favor dos tres concelleiros do BNG para acceder á alcaldía no 2023. Ante esta sentenza o PP reclama a Rivas que “devolva do seu peto a cantidade cobrada por esta asesora así como os impostos e cotizacións á Seguridade Social, durante case dous anos, e que se faga cargo dos gastos xudiciais deste proceso”.

A Sección 1ª da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditaminar e confirmar a ilegalidade do posto de asesor do BNG de Redondela proposto pola alcaldesa, Digna Rivas, e aprobado polas tres forzas de esquerda no pleno e que serviu para que a candidata socialista, en palabras do PP “mercara a súa investidura tras as eleccións municipais de 2023 ao abeiro do seu pacto co partido nacionalista”.

Este nomeamento dunha traballadora eventual de confianza para o Bloque adoptouse no pleno extraordinario de organización do 1 de agosto de 2023 e contra o mesmo o PP presentou un recurso xudicial que ditaminou a súa ilegalidade en sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo. Sentenza que agora vén de ser confirmada polo Alto Tribunal galego, que tamén condena ao Concello ao pago das costas.

O PP de Redondela, que lembra que a alcaldesa acaba de cesar a esta asesora tras unha petición dos populares e, sobre todo, despois da ruptura de relacións e do forte enfrontamento PSOE-BNG das últimas semanas, considera que se produciu unha “compra espuria” do goberno local. Polo tanto, esixe que Digna Rivas dea explicacións sobre este caso e afronte a depuración de responsabilidades, comezando, polo menos, por devolver do seu propio peto a cantidade cobrada por esta asesora do BNG, así como os impostos e cotizacións á Seguridade Social, durante case dous anos e facer o propio cos gastos xudiciais deste proceso.

Por último, a formación liderada por Javier Bas considera que esta sentenza agrava aínda máis a “forte crise política e institucional” que padece o goberno local e o Concello de Redondela tras a perda de confianza da alcaldesa pola maioría do pleno na sesión celebrada o pasado luns.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: