Hoxe é Xoves 22 de Maio de 2025

Arranca o festival internacional de títeres coa programación escolar e de sala

ec821609-287f-4c21-8183-ef3d390c6340 (1)

A nova edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo), a número 26, encherá a vila dos viadutos cos mellores espectáculos do panorama galego e internacional, despregando un total de 70 actividades da man de 30 compañías de orixes tan diversas como Galicia, Italia, Brasil, Chile, Arxentina, Portugal ou Cataluña. A presentación oficial tivo lugar nunha rolda de prensa encabezada polo director do festival, Luis Crespo, acompañado pola alcaldesa Digna Rivas, a concelleira de Cultura Rita Pérez, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais Jacobo Sutil e o deputado provincial de Cultura Jorge Cubela.

Unha edición chea de novidades

O director do festival ao fronte de Xente Titiriteira, Luis Crespo, salientaba as tres patas que dan entidade a esta certame que celebra xa a súa XXVI edición: campaña escolar, programación de sala e actividades de rúa, deseñados para chegar a públicos de todas as idades. “Cada ano crecemos grazas tamén ao aumento dos rexedores en cada escenario que se fai responsable do coidado do público e os artistas”, engade Crespo.

Luis Crespo.

Jorge Cubela destacou a calidade e variedade da programación, que aborda temáticas diversas e combina tradición con innovación. “Este é un dos eventos culturais máis importantes da provincia, e por iso incrementamos o apoio económico para citas desta magnitude”, asegurou, subliñando o compromiso das institucións coa cultura.

Jorge Cubela.
Jacobo Sutil.

A alcaldesa Digna Rivas, pola súa banda, fixo un emotivo repaso polas raíces do festival, que xa é parte do Patrimonio Cultural de Redondela. No seu discurso, rendeu homenaxe á compañía Tanxarina e ao fundador Juanjo Amoedo, cuxa visión converteu este evento nunha celebración da arte titiriteira. “Este é un festival do pobo, dos veciños que o senten como seu. E iso estivo presente desde o principio, e estou segura de que o seguirá estando no futuro. Porque aqueles mozos que viñan ao festival coa súa familia nas primeiras edicións, hoxe veñen cos seus fillos”, afirmou.

Digna Rivas.

A campaña escolar: sementando o amor polo teatro

O festival arranca hoxe, luns 12 de maio, coa campaña escolar, pensada para fomentar o gusto polo teatro entre os máis novos. Compañías como as galegas Spaguetti Monicreques e Monicreques Alakrán compartirán escenario con referentes internacionais como os italianos Girovago & Rondella Family Theatre e a arxentina Valeria Guglietti, que sorprenderá co seu espectáculo de sombras chinesas No toquen mis manos. Estas funcións, como Historias para unha man ou Quadril, están deseñadas para espertar a curiosidade e a creatividade dos escolares.

Programación de sala: unha viaxe pola diversidade

Ás 20:00 h de hoxe, o Auditorio da Xunqueira acolle o primeiro espectáculo de sala, Quadril, da compañía italiana Girovago & Rondella, unha proposta simbólica con títeres de cinco dedos dirixida a maiores de 6 anos. A programación de sala, que se estende ata o domingo 18, inclúe xoias como Árido, unha coprodución do Centro Dramático Nacional con Cazando Gamusinos e Ritto (venres 16), ou Feos, da chilena Teatro y su Doble (domingo 18), unha reflexión sobre a beleza na imperfección. Outras compañías destacadas son Monicreques sen Cabeza, Títeres Alakrán e Teatro Escena, que achegarán historias cargadas de humor, emoción e música.

As rúas, un escenario aberto

A fin de semana, Redondela converterase nun gran teatro ao aire libre con 10 escenarios espallados pola vila, desde a Praza do Concello ata a Alameda ou a Casa da Torre. Entre os protagonistas das rúas destacan o brasileiro Mamulengo Presepada co seu vibrante Vida de mamulengo, cheo de música e tradición, e o novo titiritero Mario Ezno, cuxa popularidade en redes (máis de cinco millóns de seguidores) promete encher a Pista da Xunqueira coas súas Aventuras de Manolo Bolaño. Outras propostas itinerantes, como Mi gran caracol de Ángeles de Trapo ou Cavalls de Menorca de Tutatis, levarán a maxia dos monicreques polas rúas, invitando a veciños e visitantes a unirse á festa.

Experiencias únicas e espazos interactivos

O festival ofrece moito máis que espectáculos. Na Alameda, o Mercadiño Titiriteiro (17 e 18 de maio) reunirá postos dedicados ao universo dos títeres, mentres que a exposición A volta ao mundo en 80 monicreques de Cachirulo Títeres (do 9 ao 20 de maio nos Multiusos da Xunqueira) convida a un percorrido por diferentes culturas a través de monicreques. Ademais, instalacións como Retablos mecánicos de Peus de Porc ou espazos lúdicos como Xogos Paporrubio garantirán diversión para todas as idades.

Entradas para os espectáculos de sala

As entradas para os espectáculos de sala, a un prezo único de 7 euros, poden adquirirse nos Multiusos da Xunqueira, e as actuacións de rúa son de acceso libre, aínda que se recomenda chegar con antelación. Para máis información, visita fitredondela.com. Redondela agarda con ilusión unha semana na que os títeres serán os protagonistas, enchendo de cor, música e historias unha vila que late co corazón da cultura.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: