Un total de 20 persoas fórmanse no obradoiro de emprego “Polo mar de Redondela” que se está a desenvolver no pazo de Pousadouro nas modalidades de Carpintería de Ribeira e Forestal e Xardinería e Agricultura ecolóxica. Os primeiros traballan na construción dunha réplica navegable do bote “Manuel” mentres que o alumando de Forestal encargarase da mellora do arboredo de Monte Penide e crearán unha zona axardinada a carón do parque de patinaxe de Chapela.
O concelleiro de emprego, Antonio Cabaleiro, explica que na modalidade de Carpintería de Ribeira o alumnado-traballador traballa no Novo Manuel, unha réplica navegable do bote Manuel. A histórica embarcación orixinal, rehabilitada no obradoiro anterior, permanece exposta no museo Meirande. O alumnado tamén traballará na instalación de contraventás de carpintería, portas e tarimas en distintos edificios municipais. Desde o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos CIS-Madeira recibiron unha “masterclass” sobre novos usos da madeira a construción de casas e edificios.
Roza e poda na contorna do Monte Penide
Na especialidade de Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica realizaron labores de roza, poda e mellora das árbores en Monte Penide/Mirallo, o Coto do Gran e o Paseo do Río Pexegueiro. Tamén farán unha zona axardinada ao carón do parque de patinaxe de Chapela, así como o mantemento dos xardíns da Xunqueira, a Alameda, a rúa Xeneral Rubín e a urbanización Regojo. O alumnado encárgase tamén do viveiro e a horta ecolóxica da Finca de Pousadouro.
A Consellería de Emprego da Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de Redondela unha subvención de 411.928 euros para o financiamento deste proxecto. O Concello pola súa parte fai unha achega de 46.473,14€.