Imaxe da carpa de degustación na Festa do Choco do pasado ano
A apertura da carpa terá lugar este venres ás 19:30 horas nunha xornada moi pendente da situación meteorolóxica. Con todo, os asistentes poderán degustar o choco da ría preparado nas diferentes casetas que participan desta XXXVIII edición que inclúe dentro do seu programa o concerto da Orquestra Mondragón e do Combo Dominicano. Como actividade complementaria recupéranse as visitas á Illa de San Simón a un prezo de 6 euros. O pregón correrá a cargo de María Foscaldo “A Repunante” o domingo ás 12:30.
O choco da ría é o gran protaognistas dunha celebración que arranca esta mesma tarde e que se prolongará ata o domingo. A partir das 19:30 xa se poderán degustar os diferentes pratos que presentan restaurantes como Casa Chano, O Tranquilo, Lugar da Serra (Soutomaior) e Ecolagar que ofrecerán os clásicos chocos na súa tinta, á prancha ou con arroz, pero tamén propostas máis innovadoras como choco á feira, con salpicón de marisco ou choco con garavanzos. As panaderías Luisa e Vila dos Viadutos sorprenderán con empanadas de millo e trigo e empanadillas, mentres que Anaquel Gourmet, Paladarqueso, Filloas María, a adega Quinta das Eiras e a artesanía de Lelate completan unha oferta diversa e de calidade.
A novidade desta edición chega coa colaboración da adega Lugar da Serra de Soutomaior, levada por un veciño de Redondela e que aportará os seus viños albariños tanto tinto como branco para maridar co choco.
O domingo, a xornalista e humorista viguesa María Foscaldo, co seu personaxe Virtudes a Repunante, será a encargada de dar o pregón (12:30) cun toque de humor que promete arrancar sorrisos e conectar co espírito festivo da vila.
Programa musical
Hoxe venres 9 arranca o cartel coa Orquestra de Saxos de Redondela (19:30) e a enerxía de Os Satélites (22:30). O sábado 10, o grupo de gaitas e baile Airiños de San Simón abre o día (12:30), seguido pola Rondalla de Redondela (20:00). O prato forte chega coa Orquestra Mondragón, liderada polo icónico Javier Gurruchaga (23:00), que promete un espectáculo de rock, cabaret e humor surrealista. A noite pecharase cunha sesión de DJs a cargo de Borja Rúa e Rodri Vegas.
O domingo 11, día grande, comeza cun pasarrúas da Banda de Música de Chapela (11:30) e a actuación do grupo de gaitas O Carballo das Cen Pólas (13:15). Pola tarde, Sonoro Maxín presentará o seu novo álbum A primavera ten que ser nosa (18:00), fusionando cumbia, rock e merengue. O broche final poñerao a Orquestra Combo Dominicano.
Visitas a San Simón
As persoas que queiran visitar a Illa a un prezo de 6 euros deben retirar as súas entradas no museo Meirande (986 458 891) e na oficina de turismo de Redondela (986 401 713). Durante a fin de semana haberá un total de seis saídas, en horario de mañá e tarde. Os horarios e a retirada de entradas tamén se poden xestionar a través da navieira que oferta estas visitas na páxina web www.crucerosangel.com
Na xornada tanto do sábado como do domingo está previsto que un barco parta dende o porto de Cesantes ás 12:00 e ás 17:00 horas, tamén pola tarde haberá unha saída dende o peirao do museo Meirande ás 18:00 horas.
Unha actividade enmarcada dentro da programación da Festa do Choco que se celebra os días 9, 10 e 11 de maio con degustación do choco na carpa do Campo da feira e actuaciósn variadas que teñen como citas principais o concerto a cargo da Orquesta Mondragón así como Los Satélites encargados da verbena do venres e a actuación del Combo Dominicano que serán os encargados de pechar as celebracións o domingo.




