Fotos de Patry Rivas
O Pavillón Municipal da Bomboneira, en Redondela, vive un mes de maio vibrante, consolidándose como epicentro do balonmán nacional. Tras acoller un emocionante sector xuvenil feminino e co sector infantil feminino a piques de comezar, o prato forte chega do 23 ao 25 de maio, cando a SAR OPmobility se xogue o ascenso a Primeira Nacional como anfitrión. Un fito histórico que promete encher de paixón as bancadas dunha afección incansable.
O club redondelán enfrontarase a tres potentes rivais: BM Sariegos (Castela e León), Ca’Mario Lanzarote (Illas Canarias) e BM Mostoles (Madrid). A SAR OPmobility, que chega despois dunha tempada sólida, buscará facer valer o factor casa nunha Bomboneira que se espera abarrotada.
Javi Rivas, xogador do equipo, non oculta a emoción: “Despois da experiencia en Zumaia do ano pasado, non hai maior ilusión que vivir esta fase aquí, onde empezo todo. Xogamos co corazón, por nós e polos que sempre están. Que soe forte Redondela, que isto vai en serio!”.

Pola súa banda, o adestrador Iván Vázquez analiza o desafío: “Foi un sorteo duro, tres primeiros… Seguro que teremos en fronte a verdadeiros equipazos. Ao noso favor , xogar unha fase de ascenso na Bomboneira é un soño. Esperamos atopar o punto exacto para canalizar a motivación e non sentirnos presionados. Non nos conformamos con chegar ata aquí. Queremos xogar en Primeira Nacional a tempada que vén”.
O mes de maio segue marcado polo balonmán en Redondela, aínda que o sector cadete masculino se disputará en Zaragoza, do 23 ao 25 de maio. Mentres, a Bomboneira acollerá a fase de ascenso e, previamente, o Sector B do Campionato Estatal Infantil Feminino, do 15 ao 18 de maio. Este evento, organizado polo Club SAR Balonmán, a Peña Vieira e o Concello de Redondela, enmárcase na competición da Real Federación Española de Balonmán. O SAR Rodavigo, segundo clasificado de Galicia, competirá contra Errotabarri Zuria Infantil (3º de Euskadi), BM Ágreda (1º de La Rioja) e BM Gijón (1º de Asturias). Este torneo na Bomboneira será unha oportunidade clave para que as xogadoras máis novas exhiban o seu talento e avancen na competición nacional.
