Os populares son conscientes de que a moción de censura non pode saír adiante ante a negativa do BNG a dar o seu voto a favor a un goberno alternativo. Ante esta situación e o anuncio de Digna Rivas de “esgotar o mandato” esixen aos partidos da investidura –PSOE, BNG e AER- que expliquen que van facer nos próximos dous anos para dar estabilidade a un “goberno zombie” que a día de hoxe é incapaz de sacar adiante cuestións relevantes para a cidadanía.
O voceiro do PP entende que o foco do problema é a alcaldesa, pero tamén responsabiliza da situación ao BNG “que é como o can do Hortelano, nin come nin deixa comer” e ao edil da Agrupación de Electores que “reclama estabilidade pero non fai nada para acadala”.
O concelleiro popular salienta que aos redondeláns non lles serve que pase este mes de prazo tras a perda de confianza da alcaldesa, que se aproben os Orzamentos Municipais 2025 e que as forzas de esquerda “sigan tirándose os trastos á cabeza nun espectáculo esperpéntico que o goberno de Redondela está a ofrecer a toda Galicia e que supón xestión cero”.
Por elo, Bas sostivo que os tres partidos teñen que dar explicacións inmediatas e responder ante a cidadanía, posto que os veciños “teñen dereito” a saber cal é a folla de ruta para os dous próximos anos.
Bas asume que é imposible lograr os once votos mínimos para sacar adiante a moción de censura “algo difícil de explicar por parte do BNG que se nega a facilitar un cambio de goberno despois de retirarlle a confianza a Rivas e cando falan dunha situación irrespirable coa alcaldesa”.
Insta á alcaldesa a dimitir “Rivas é o foco do problema pola súa absoluta incapacidade, só fala de que a situación está bloqueada pero loxicamente ela é a única responsable, o BNG acusa de incumprimentos a todo o mundo pero nega calquera acordo con ninguén e AER láiase da inestabilidade que padece o goberno como se non fora con el nin pertencera ao mesmo”.
Finalmente, o PP agarda que os tres partidos lle dean unha “resposta eficiente e eficaz” aos redondeláns sobre o que pretenden facer sobre o futuro do Concello dado que os representantes municipais destas tres formacións xa desbotaron unha moción de censura para rematar coa etapa de Digna Rivas.