O Día Mundial da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella celébrase o 8 de maio, unha data que honra o nacemento de Henry Dunant, fundador da institución, e recoñece o labor incansable de voluntarios e empregados que salvan vidas e apoian ás persoas máis vulnerables. En Redondela, a Cruz Vermella leva dende 2019 crecendo e consolidándose como un piar da comunidade, e este ano non é excepción.
Un 2024 de crecemento e compromiso
O balance de 2024 da Cruz Vermella de Redondela reflicte un ano de gran actividade e compromiso social. Segundo os datos, a entidade atendeu a un total de 1.338 persoas, superando as 1.112 de 2023. Entre os programas destacados, 652 persoas participaron en iniciativas de sensibilización, mentres que 410 foron beneficiarias de proxectos de inclusión social como Responde (269 usuarios) ou Reacciona (89). No ámbito educativo, 436 persoas formáronse en cursos presenciais e online sobre orientación á vulnerabilidade e formación institucional básica.
A saúde tamén foi unha prioridade, con 160 persoas atendidas en charlas sobre temas como a menopausa ou o autocoidado emocional. No eido laboral, o programa de emprego orientou a 57 persoas na busca de oportunidades, e 34 participaron na iniciativa ambiental Replanta Pachamama. Ademais, 47 persoas inmigrantes recibiron apoio con orientación e clases de español, e 54 menores participaron en actividades de promoción do éxito escolar, mentres que 71 nenos e nenas disfrutaron de xogos educativos.
A atención a persoas maiores foi outro piar clave, con 131 maiores e 184 persoas con teleasistencia atendidas. Todo este traballo foi posible grazas a un equipo de 679 persoas, composto por 37 voluntarios e 642 membros de entidades sociais, nunha rede de colaboración que non para de crecer.
O voluntariado é o motor da Cruz Vermella de Redondela. Actualmente, a entidade conta con 28 persoas voluntarias activas, cuxa dedicación fai posible o desenvolvemento das súas iniciativas. “Grazas a elas podemos facer a nosa labor. O voluntariado é algo compatible coa vida persoal; dedican unha ou dúas horas á semana para botar unha man”, explica Diana. Esta flexibilidade permite que persoas con diferentes perfís se sumen á causa, enriquecendo as actividades da entidade.
As iniciativas xorden, en moitos casos, da propia oferta e demanda do voluntariado. Un exemplo é o taller de ioga en cadeira, que naceu grazas a unha voluntaria profesora de ioga especializada. “Viamos a necesidade de ofrecer un ioga diferente para persoas con dificultades específicas, e xurdiu así”, conta Diana. Este tipo de proxectos reflicten a capacidade da Cruz Vermella para adaptarse ás necesidades da comunidade e aproveitar o talento do seu voluntariado. “Animamos a todo o mundo que queira participar a que se achegue á nosa oficina”, engade, facendo un chamamento á colaboración.
Unha semana para celebrar o Día Mundial
A Cruz Vermella de Redondela preparou unha semana chea de actividades para conmemorar o Día Mundial da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella. “Comezamos o sábado cunha ruta de sendeirismo no Cabo Udra, unha actividade de agradecemento ao noso voluntariado”, explica Diana. A xornada, na que participaron 15 voluntarios, foi un éxito a pesar das preocupacións polo tempo. “Foi unha ruta preciosa, proposta por outros voluntarios que a coñecían, e pasamos un día moi agradable”, engade.
O luns e o martes, o equipo estivo elaborando flores para a feira do 6 de abril, onde instalaron un stand informativo para dar a coñecer o labor da Cruz Vermella e vender lotería da institución. Como agasallo, repartiron pequenas plantas, unha forma de agradecer o apoio da comunidade. “O 8 de maio é un día especial, e quixemos facer un pequeno detalle para quen nos apoia”, di Diana.
O propio 8 de maio, a Cruz Vermella de Redondela organizará unha charla sobre o mercado laboral, en colaboración coa orientadora laboral de Vigo, destinada a persoas en busca activa de emprego. Durante o resto da semana, haberá outras actividades puntuais para visibilizar o traballo da entidade e fomentar a participación cidadá.
A Cruz Vermella de Redondela invita á cidadanía a sumarse ás súas iniciativas e achegarse ás oficinas situadas na Casa da Cultura (na Praza José Figueroa) ou contactar no 986 325 600 para recibir información sen compromiso.
