Hoxe é Venres 30 de Maio de 2025

Dez escenarios para gozar da maxia dos títeres

titeres exterior

O Festival Internacional de Títeres desenvolverase en Redondela do 12 ao 18 de Maio cunha programación na que participan un total de 30 compañías chegadas dende Chile, Brasil, Italia, Cataluña ou Galicia, que estará representada polas compañías Cachirulo Títeres, educateatro ou Spaguetti Títeres, entre outras. Un intenso programa que na fin de semana das Letras Galegas vivirase na rúa, con representacións en 10 escenarios repartidos polo centro da vila e espectáculos itinerantes.

O director do festival ao fronte de Xente Titiriteira, Luis Crespo, salienta as tres patas que dan entidade a esta certame que celebra xa a súa XXVI edición: a programación escolar que arranca o luns 12 e que permite achegar os títeres aos máis cativos, a programación de sala con espectáculos no auditorio do Multiúsos da Xunqueira e a programación de rúa, que anima o centro da vila que volverá encher as rúas e prazas de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas, espectáculos itinerantes ou instalacións nunha semana de festa que volverá ser unha celebración e na que se dará cita un público interxeracional.

“Mi gran caracol” de Andalucia, Cavalls de Menorca de Cataluña e a música de Latexo Percusión serán os encargados dos espectáculos itinerantes. Tamén na rúa poñía o acento Luis Crespo nunha proposta “atípica” a do titiriteiro e youtuber Mario Enzo coa obra “Las aventuras de Manolo Bolaño”.

Un programa extenso do que destaca a presenza compañía Teatro y su doble quen, logo de moitos anos de intentalo, chegan dende Chile para presentarnos a obra “Feos”. Serán os encargados de pechar as representacións de sala cunha actuación o domingo 18 ás 20:00 horas.

Previamente pasarán por ese escenario os italianos Girovano & Rondella Family Teatre, a arxentina Valeria Guglietti, os aragoneses Títeres sin cabeza ou os galegos  Títeres Alakran. O venres será a quenda de Cazando Gamusinos de Madrid e o sábado da compañía galega Teatro Escena.

O festival ábrese xa este venres coa inauguración da exposición “A volta ao mundo en 80 bonecos” que se poderá visitar no Multiúsos ata o día 20 en horario de 17:00 a 20:00 horas. Unha proposta de Cachirulo Títeres que nos convida a facer un percorrido por diferentes culturas do mundo amosándonos as variadas manifestacións artísticas en torno á Arte do Monicreque

E o día 17, celebración das Letras Galegas haberá tamén unha chiscadela a esta data tan especial coa actuación das pandereteiras Alxibeiras as 12:00 horas nos soportais do Concello.

Luis Crespo anima á veciñanza a consultar a programación e organizarse para non perder ningún dos espectáculos dun programa que é posible grazas tamén á colaboración dos voluntarios e do tecido comercial de Redondela con “máis de 100 colaboradores que conforman o cartaz chamado A Forza dun Pobo, colaboradores dos máis variados sectores produtivos do pobo, dende hostalaría ate froitarías, dentistas e veterinarios ate tendas de roupa”. O Festival Internacional de Títeres de Redondela. Memorial Juanjo Amoedo “é o reflexo do esforzo colectivo dun pobo por difundir e gozar do Teatro de Títeres”. Un esforzo que se suma ao apoio institucional que chega dende as diferentes administración: Concello de Redondela, Deputación de Pontevedra, Agadic e Inaem.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: