O organismo provincial financiará a totalidade desta actuación entre a N-555 e o Camiño do Campiño para incorporar un itinerario peonil seguro que facilite o acceso ao CEIP Porto Cabeiro. Os fondos proceden do Plan +Provincia e suporán un investimento 530.300 euros.
A actuación contempla unha calzada con dous carrís de 2,75 metros e unha beirarrúa de ancho variable, entre 1,1 metros e os 3 metros, con pavimento de formigón. Nas zonas con maior concentración de vivendas crearase unha plataforma única e no tramo máis estreito da vía, con edificacións a ambas marxes e onde se atopa unha nave industrial, separarase o tránsito peonil do rodado. A actuación completarase con elementos vexetais, ao longo do itinerario, que acompañarán tanto a beirarrúa como as zonas de estancia.
A Deputada Sandra bastos acompañada da alcaldesa, Digna Rivas visitaron este mércores a zona para dar conta dun investimento que permitirá arranxar unha estrada que na actualidade presenta un estado de conservación deficiente debido ao paso do tempo e ás sucesivas reformas parciais. A ausencia case total de beirarrúas, os parches e as intervencións illadas realizadas ao longo dos anos facían recomendable a súa renovación integral.
Renovación pista polideportiva CEIP Porto Cabeiro
A pista polideportiva ao aire libre do CEIP Porto Cabeiro conta actualmente cun firme de asfalto en malas condicións. Neste espazo, de máis de 900 metros cadrados, construirase unha nova pista de formigón pulido, que levará un tratamento para evitar esvaróns. Esta nova pista permitirá unha práctica do deporte máis cómoda e segura, tanto para o alumnado do centro como para a veciñanza da contorna que utiliza este espazo deportivo municipal. Estes traballos, que tamén se inclúen no plan +Provincia, contan cun orzamento de 48.000 euros, e unha parte será financiada con fondos municipais.