Logo de perder a cuestión de confianza e malia ter practicamente garantida a súa continuidade na alcaldía, unha vez que o BNG confirmou o seu non a unha posible moción de censura liderada polos populares, a alcaldesa insta aos nacionalistas a que se sumen ao goberno para garantir un concello “forte e estable”.
Malia o revés do luns cando o pleno lle retirou a súa confianza, a alcaldesa reitera a súa petición ao BNG lembrando os acordos e pactos de goberno que unen a socialistas e nacionalistas en numerosos concellos e mesmo no goberno do estado. Reitera o seu agradecemento por ter facilitado a súa investidura como alcaldesa no 2019 e no 2023 e volve ofrecerlles “que se sumen a este goberno, que traballen dende dentro e desenvolvan as súas políticas directamente como concelleiros e concelleiras”. Rivas asegura que estarían “encantados” de poder contar cun goberno “forte e estable” que poida desenvolver o seu programa.
Insiste, tal e como xa fixo no pleno, que o BNG ten que tomar unha decisión “transcendental” para os dous anos que restan de mandato “volver apostar por un goberno progresista ou optar pola alternativa da dereita”. En caso de apostar por un goberno de esquerdas, Rivas ínstaos a volver á mesa de diálogo “para chegar a acordos positivos para a cidadanía de Redondela”. Advirte que “se a intención do BNG non é sentar a falar, facer propostas e chegar a acordos con este goberno, o que deben facer é dar o seu voto á dereita”.
Finalmente a alcaldesa afirma que asume “o resultado da cuestión de confianza con respecto e tranquilidade” consciente tamén da inviabilidade dun pacto entre PP e BNG que permita presenta unha moción de censura. Isto garante que os orzamentos queden automaticamente aprobados no prazo dun mes.