Os usuarios e usuarias que dende o luns 28 de abril chaman ao número 986 400091 para solicitar un taxi non atopan resposta. O teléfono deixou de funcionar a consecuencia do apagamento que deixou a toda España a escuras e provocou un corte nas telecomunicacións. Servizos como a Policía Local ou o propio Concello tardaron un par de días en solventar o problema, pero nove días despois o teléfono do servizo de taxis na Praza de Rivadabia (praza da Farola) continúa sen funcionar. Os taxistas reclaman o seu arranxo “somos un servizo público do que moitas persoas dependen para se desprazar”.
Jesús Villar, un dos profesionais que traballa en Redondela, denuncia unha situación que se prolonga dende hai máis dunha semana “o teléfono deixou de fundionar o día do apagamento e isto está a provocar que moita xente que precisa de nós para sair da casa ou acudir a citas médicas non estean a recibir o servizo, incluso hai quen chama aos bares que hai na Praza da Farola para solicitar que os vaiamos buscar”.
Unha situación que afecta aos máis de vinte taxis que traballan principalmente nesta parada e que xa lle foi comunicada tanto ao Concello como ao servizo de novas tecnoloxías xa que, segundo explica Villar “dende o ano 1988 o servizo está xestionado directamente polo Concello, que é quen se encarga de comunicarse coa compañía cando hai algún problema”.
Lamentan o prexuízo económico que esta situación lles está a provocar pero, sobre todo, insisten en que se trata dun servizo de interese xeral do que dependen moitas persoas e que afecta, principalmente, a un sector da poboación como son as persoas maiores que dependen dos taxis para se mover.
Os taxistas da parada da praza de Ribadavia confían en que a situación se resolva canto antes pero temen que se cumpran os peores prognósticos e o teléfono non volva a funcionar ata dentro dun mes. Non entenden esta situación sobre todo cando o resto de liñas en domicilios particulares pero tamén noutras paradas como a de Chapela están funcionando con normalidade.