A inauguración desta estatua, unha talla en madeira realizada polo artista local Marcos Mariño, tivo lugar este sábado e deu inicio ao mes das Letras Galegas en Soutomaior. A escultura pode contemplarse na Casa Consistorial.
Este sábado tivo lugar no barrio das Cortellas a homenaxe do Concello de Soutomaior a María Grande Sobral (1931-2013), ‘Maruja da Cregha’, considerada a mellor tocadora de pandeiro de todo o País. A talla en madeira realizada polo artista local Marcos Mariño foi descuberta nun acto ao que asistiron, ademais do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo e a concelleira de Asociacións, Charo Bouzón, familiares e coñecidos e coñecidas de Maruja das Cortellasa. A peza, unha representación de María Grande tocando o pandeiro, pódese ver na Casa do Concello, onde quedará exposta.
Xa pola tarde as actividades trasladáronse ata as Cortellas, onde o alcalde Manu Lourenzo e parte dos fillos que tivo Maruja descubriron unha placa colocada na casa natal da tocadora de pandeiro en homenaxe ao seu legado.
Cine e coloquio con Margarita Ledo Andión
A programación cultural en Soutomaior continúa este mércores, 7 de maio, a partir das 20:00 horas coa proxección da película “Prefiro condenarme” no Multiúsos de Arcade con entrada de balde. O acceso será libre até completar o aforo. Ao remate terá lugar un coloquio coa autora, a cineasta Margarita Ledo Andión.