As tensas relacións do grupo de goberno coa oposición, nomeadamente co BNG, non só fixeron que Digna Rivas perdera a cuestión de confianza. Tamén impidiron aprobar a retribución do edil Alberto Álvarez quen dende o pasado mes de novembro, cando entrou na corporación en sustitución de Pilar Martínez, exerce como Concelleiro de Medio Ambiente, Transición Enerxética e Participación Cidadá.
O edil socialista suma máis de seis meses sen cobrar dende que entrara a formar parte do goberno local en novembro. A súa retribución parcial volveu ser rexeitada no pleno extraordinario celebrado este luns e no que PP e BNG mantiveron o seu voto en contra da proposta de outorgar unha dedicación parcial a Alberto Álvarez. Os grupos da oposición argumentaron o seu voto a falta de capacidade de negociación de Rivas de cara a acadar un acordo neste asunto.
Neste sentido o voceiro do BNG acusaba a Rivas de irresponsabilidade por tentar “impoñer a súa vontade sen negociar nin dialogar”. Tamén apuntaba como solución que a alcaldesa “faga unha nova distribución da partida económica dedicada aos salarios dos concelleiros ”.
O PP insistía en que o seu grupo puxo sobre a mesa dúas condicións para aprobar este punto: o cesamento do persoal de confianza do Bloque e a revisión da taxa do lixo. Lembraba Bas que o goberno aceptou a primeira condición pero rexeitou a segunda, polo que mantiveron o seu voto en contra.
Contestaba a socialista Rita Pérez que “a modificación da ordenanza do lixo solicitada polo PP é inviable” e acusaban ao BNG de manter unha postura revanchista a consecuencia da decisión de Rivas de eliminar o cargo de confianza ao servizo do Bloque.
O edil de AER tamén criticaba a postura da oposición por deixar un traballador sen salario e adiantaba que esa postura terá consecuencias para a cidadanía.