O novo contrato terá unha duración de dez anos e un valor de 5 millóns de euros. Poderán optar a súa adxudicación diferentes empresas do sector. O Concello abriu xa o proceso de licitación do contrato unha vez rematada a anterior concesión que tivo unha duración de vinte anos.
O obxectivo do goberno local con este procedemento é levar a cabo unha importante transformación do actual modelo de recollida dos residuos municipais. Neste sentido o alcalde, Manu lourenzo subliñou que van “apostar por un servizo de recollida baseada na reducción de produción de residuos, na reciclaxe e na compostaxe, alcanzando así uns parámetros homologables a outros lugares de Europa que hoxe son referencia no tratamento dos residuos”.
Márcanse como reto a acadar na vindeira década “reducir nunhas mil toneladas anuais a recollida de residuos orgánicos, xa que son os que máis encarecen os custos do tratamento do lixo”. Así, Lourenzo insistiu en que se “vai apostar por un modelo de recollida e xestión de residuos que sexa moderno, sostible e ecolóxico. Queremos converter o noso concello nunha referencia que nos iguale con outras zonas e países de Europa no que o tratamento dos residuos é un eixo de traballo prioritario”.
O novo contrato, que estará vixente no segundo semestre de 2025, levará aparellada unha mellora no servizo e na imaxe, xa que se renovará todo o parque de contedores existente no concello e que actualmente se atopa nun notable estado de deterioro.
Encarecemento do recibo
O rexedor lembrou tamén que a transposición a normativa europea na Lei de Residuos do Estado español establece que a queima de residuos que practica Sogama, modelo da Xunta, non pode considerarse un tratamento sostible e polo tanto terá que pagarse sen ningún tipo de subvención ambiental. Iso quere dicir que as administracións estánobrigadas a repercutir nos usuarios o custe total do tratamento do lixo. “Trátase dunha suba por imperativo legal que estamos a levar concellos de todas as cores políticas”, sinalou Manu Lourenzo, quen tamén indicou que “desde o Goberno de Soutomaior levamos meses a traballar para que o recibo do lixo que pagan os nosos veciños e veciñas suba o mínimo posible, facendo fronte aos efectos do taxazo de Sogama imposto pola Xunta”.