A alcaldesa perderá a moción de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos que se debate estar tarde no Multiúsos da Xunqueira tras anunciar tanto PP como BNG que non apoiarán a proposta. Os populares aseguran que votarán en contra “por responsabilidade” e apelan a BNG e AER para acabar co “pesadelo de Digna Rivas”. Os nacionalistas afirman que “perderon completamente a confianza na alcaldesa ao non cumprir ningún dos acordos asinados co BNG” e insisten en que os orzamentos ligados á moción de confianza son privatizadores e non atende as necesidades e demandas reais da veciñanza. Perdida a votación de hoxe a oposición terá un mer de prazo para presentar un candidato alternativo á alcaldía.
A goberno en minoría de Rivas, con 7 concelleiros do PSOE e un de AER non será quen de sacar adiante a moción de confianza presentada por Rivas como única opción para aprobar os orzamentos. Con todo, non obterá o favor nin dos dez concelleiros do PP nin dos tres do BNG quen xa anunciaron o seu voto en contra.
Posicionamento do PP
O grupo municipal do PP argumenta o seu voto en contra por “absoluta responsabilidade” cos veciños, “que non se merecen a desfeita que padecen desde o ano 2019” e entenden que esta moción de confianza supón “unha oportunidade histórica para rematar con seis anos dun desastre absoluto”. Para o voceiro, Javier Bas o proxecto de orzamentos “é a punta do iceberg” dunha xestión nefasta caracterizada pola “perda de subvencións e axudas, subas de impostos, falta de investimentos, peonalizacións fallidas, débedas desorbitadas e abandono das parroquias”.
Tras anunciar que o grupo popular vai votar contra a cuestión de confianza presentada pola alcaldesa, apelan a BNG e AER a que fagan o mesmo para acabar co goberno de Rivas e aproveitar a oportunidade de “pasar páxina e deixar atrás esta triste etapa, rematando con seis anos dun desastre absoluto protagonizados pola xestión incapaz e ineficaz da alcaldesa”.
Posicionamento do BNG
Tamén os nacionalistas rexeitan a moción de confianza ligada a uns orzamentos que “seguen a liña privatizadora dun goberno local que dá as costas á veciñanza e ao tecido asociativo de Redondela”.
Lembran que logo de que o pleno xa rexeitase estas contas, o goberno local “volve presentar un documento que non foi consultado co Bloque Nacionalista Galego, abocándoo a fracasar outra vez”.
Uns orzamentos que critican por “consolidar o interese privatizador do goberno de Digna Rivas” e por falar de “proxectos que ninguén coñece. Unha mostra máis da mala xestión do goberno de Digna Rivas, xa que leva 6 anos actuando sen planificación”.
Ademais, Xoán Carlos afirma que “perderon completamente a confianza na alcaldesa ao non cumprir ningún dos acordos asinados co BNG”.
A organización nacionalista denuncia “unha actitude autoritaria e déspota da alcaldesa durante todos os plenos, que se pode ver resumida na expulsión completamente fóra de lugar e sen motivos do pleno ordinario de abril da concelleira nacionalista, Jéssica García”.
Moción de censura
A cuestión de confianza é unha ferramenta da que dispoñen os alcaldes para aprobar os orzamentos cando carece de apoio suficiente, pero abre a porta a unha moción de censura. Así, se a alcaldesa perde hoxe –tal e como está prevista- a votación ábrese un prazo dun mes para que lle fagan unha moción de censura e se consensúe un candidato alternativo.
Por ese motivo os populares fan un chamamento a que se lle retire a confianza a Rivas como “primeiro paso para mudar o rumbo do Concello de Redondela” pero engaden “este paso loxicamente debe ter continuidade, porque non vale de nada un voto contra a alcaldesa este luns de cara a galería se logo, de facto, se vai seguir apoiando a súa continuidade”.