O pleno extraordinario no que a alcaldesa presentará unha cuestión de confianza asociada á aprobación das contas, logo de que PP e BNG as tombaran na última sesión plenaria, celebrarase o vindeiro luns, 5 de Maio, ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. O PP adiantou o seu voto en contra por “responsabilidade” cos veciños e apela a BNG e AER para acabar co “pesadelo de Digna Rivas”. No caso de perder, a oposición terá un mes de prazo para presentar un candidato alternativo á alcaldía.
A alcaldesa decide recorrer a esta ferramenta como único xeito de aprobar uns orzamentos que entende imprescindibles “para seguir avanzando, poñer en marcha proxectos de futuro como o litoral de Cesantes e dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas, con servizos como a Axuda no Fogar”, unha vez que foron rexeitados tanto por PP como por BNG. A outra alternativa era continuar cuns orzamentos que xa viñan prorrogados dende o 2022 e que non responden as necesidades do concello.
En caso de que perdera a confianza do pleno, os grupos da oposición disporán dun mes de prazo para chegar a un acordo e presentar unha moción de censura cun candidato alternativo. Unha opción improbable xa que os posibles candidatos á alcaldía precisarían dun acordo entre PP e BNG, algo que os nacionalistas xa descartaron a través do seu voceiro Xoán Carlos González que adiantou que “o Bloque non vai facilitar ningún goberno alternativo ao de Digna Rivas”.
Rivas insiste en que non ten “ningún apego ao cargo” e que o único que a move a presentar esta moción de confianza é aprobar unhas contas que son as máis altas da historia de Redondela “un orzamento para as persoas, con case 3 millóns destinados ás Políticas Sociais, necesarios para dar continuidade a actividades con moito éxito como as de envellecemento activo nas parroquias, e para poñer en marcha novas prestacións como a Tarxeta Social, que canalizará axudas a persoas e familias en situación de risco”.
Acusa a PP e BNG de buscar co seu voto en contra a estes orzamentos “afogar a este goberno”.
Non dos populares
Para o PP esta moción de confianza supón “unha oportunidade histórica para rematar con seis anos dun desastre absoluto, polo que, principalmente o Bloque, ten que decidir se vota a favor dos redondeláns ou se acovarda e fai o que lle di Ana Pontón desde Santiago”, advertiu o voceiro, Javier Bas · Os populares consideran que o proxecto de orzamentos “é a punta do iceberg” dunha xestión nefasta caracterizada pola “perda de subvencións e axudas, subas de impostos, falta de investimentos, peonalizacións fallidas, débedas desorbitadas e abandono das parroquias”.
Tras anunciar que o grupo popular vai votar contra a cuestión de confianza presentada pola alcaldesa, apelan a BNG e AER a que fagan o mesmo para acabar co goberno de Rivas e aproveitar a oportunidade de “pasar páxina e deixar atrás esta triste etapa, rematando con seis anos dun desastre absoluto protagonizados pola xestión incapaz e ineficaz da alcaldesa”.










2 respostas
Non están contempladas todas as opcións na redacción da nova. O PP, sabendo que BNG non o vai apoiar, pode darlle a alcaldía a AER. Metería a agrupación nun lío, xa que indicaron varias veces que Digna non está capacitada e agora saben que dende o poder é dende se mudan as cousas. Eu penso que a xogada do PP será esa, e ir a pola maioría absoluta nas próximas eleccións, vendéndose Bas como unha persoa que tende a man e se preocupa pola veciñanza.
Non vexo o que di Montse, o PP entraría no goberno de AER de ser así? Porque non se pode dirixir o Concello cunha persoa soa. Tampoco vexo a Bas soltando o poder de ser alcalde, xa non o fixo cando AER dixo que buscaron o seu apoio cando sairon do goberno de Digna polo tema das algas. Aínda que algunha xogada fará o PP para buscar a maioría absoluta no 2027.