O FIC Andaina arrancou a programación dirixida ao público en xeral logo de achegar o seu cine inclusivo aos escolares dos centros educativos de Redondela e contorna. O primeiro acto do programa foi a entrega do premio á figura local máis destacada pola súa traxectoria profesional no ámbito audiovisual que nesta edición recaeu no actor e titiriteiro de Tanxarina Andrés Giráldez. Con todo, as proxeccións das curtas a concurso arrancan hoxe venres cunha gala ás 19:00 hroas conducida pola actriz e presentadora Estíbaliz Veiga no Multiúsos da Xunqueira.
As actividades abertas ao público xeral chegan logo da programación escolar que se desenvolveu nos últimos días e que ten unha relevancia especial para os organizadores do FIC, segundo no explicaba o seu director Antonio García.
Hoxe venres será a quenda das películas seleccionadas polo xurado, nas categorías de Ficción e Documental. A inauguración oficial será ás 19:00 horas, coa actriz Estíbaliz Veiga, que será a presentadora da gala á que asistirán directores e representantes das películas participantes.
Un abano de películas que abordan todos os xéneros, seleccionadas pola súa temática e pola elevada calidade que presentan.
Na sección de documentais, proxectaranse as curtametraxes “Cala, Cala son” da santanderina Lucía Venero, “Lagun” do pamplonés Juan Larrañaga e a obra chilena “Tacleando Barreras” de Carlos Garrido.
Ás 20:00 horas presentarase o primeiro bloque da sección de ficción, no que se proxectarán catro curtametraxes destacadas que recibiron un amplo recoñecemento en festivais e premios de todo o país. “A casa da avoa” da viguesa Ashling Ocampo, “Tito” de Javier Celay, premiada recentemente, entre outros, no Festival de Curtametraxes de Xetafe e na Semana de Cine de Medina del Campo, “Aigua Salina” de Abraham Delgado e Ivet Moreno e “Nena”, longametraxe debut de Xosé A Touriñan como director, e coa interpretación de Antía Touriñan, Carlos Blanco, David Perdomo e o propio Touriñan.
O sábado, ás 19:00 horas, a sección escolar proxectará curtametraxes realizadas por centros educativos e centros para persoas con discapacidade. Entre as obras seleccionadas están “Os compañeiros da morte” da Residencia Relleu de Alacant, “Non hai dous sen tres” da Fundación Bobath de Madrid, “Operación Ecce Homo” da Asociación Atades de Zaragoza, “Millonetis” da Fundación Igualarte de Vigo e “O silencio” do Instituto Illa de San Simón de Redondela.
A continuación proxectarase o segundo bloque da sección de ficción, completando os oito finalistas. “Terminal” unha obra de Brasil, codirixida por Getsemane Silva e Guilherme Bacalhao “Outono” de Anabel Diez e Luis Centurión, protagonizada polo coñecido actor Manuel Galiana “Os convidados de Amaia”, dirixida por George Todria, e “Non serei un heroe”, de Joan Pauls.
Ese mesmo día, unha vez rematadas as proxeccións, entregaranse os premios das tres seccións competitivas, ademais do premio á mellor actuación.
A 13ª edición deste festival concluirá cun breve concerto do dúo musical “Algo pasa con Mery”.