Redondela convértese no corazón da gastronomía e da cultura galega, do 9 ao 11 de maio de 2025, coa celebración da XXXVIII Festa do Choco, un evento declarado de Interese Turístico de Galicia que pon no centro o choco de Redondela, cualificado pola alcaldesa Digna Rivas como “o mellor choco do mundo, capturado nas augas da Enseada de San Simón”. Todo o choco servido procederá da Confraría de Redondela, garantindo a súa frescura e orixe local. Esta edición promete unha experiencia única, combinando unha exquisita oferta culinaria con música, baile e actividades que celebran a identidade choqueira da vila.
O choco, rei da festa
A gastronomía é a alma da festa, e o choco de Redondela, fornecido pola Confraría local, é o protagonista indiscutible. Na carpa do Campo da Feira, restaurantes como Casa Chano, O Tranquilo, Lugar da Serra (Soutomaior) e Ecolagar ofrecerán pratos que van desde os clásicos chocos na súa tinta, á prancha ou con arroz, ata propostas innovadoras como choco á feira, con salpicón de marisco ou con garavanzos. As panaderías Luisa e Vila dos Viadutos sorprenderán con empanadas de millo e trigo e empanadillas, mentres que Anaquel Gourmet, Paladarqueso, Filloas María, a adega Quinta das Eiras e a artesanía de Lelate completan unha oferta diversa e de calidade.






Como novidade este ano anuncian a colaboración da adega Lugar da Serra de Soutomaior, levada por un veciño de Redondela e que aportará os seus viños albariños tanto tinto como branco para maridar co choco. Digna Rivas explicou que “en Redondela non temos adega propia, polo que esta colaboración con Soutomaior é unha oportunidade única para enriquecer a festa”, mentres que o dono da Adega da Serra asegurou que “o noso viño é o compañeiro perfecto para realzar o sabor do choco, unha combinación que sorprenderá aos asistentes”.
A alcaldesa Digna Rivas destacou a importancia deste cefalópodo: “O choco é o noso emblema, un produto de excelencia que nos define como choqueiros e choqueiras”. Nesta liña, o hostaleiro Manolo Conde propuxo crear unha estatua do choco como símbolo identitario de Redondela, unha idea que reflicte o orgullo local por este manxar.
Un cartel musical vibrante
A música é o complemento perfecto para a festa, cunha programación que mestura grandes nomes e talento local. O venres 9 arranca coa Orquestra de Saxos de Redondela (19:30) e a enerxía de Os Satélites (22:30). O sábado 10, o grupo de gaitas e baile Airiños de San Simón abre o día (12:30), seguido pola Rondalla de Redondela (20:00). O prato forte chega coa Orquestra Mondragón, liderada polo icónico Javier Gurruchaga (23:00), que promete un espectáculo de rock, cabaret e humor surrealista. A noite pecharase cunha sesión de DJs a cargo de Borja Rúa e Rodri Vegas.
O domingo 11, día grande, comeza cun pasarrúas da Banda de Música de Chapela (11:30) e a actuación do grupo de gaitas O Carballo das Cen Pólas (13:15). Pola tarde, Sonoro Maxín presentará o seu novo álbum A primavera ten que ser nosa (18:00), fusionando cumbia, rock e merengue. O broche final poñerao a Orquestra Combo Dominicano, garantindo unha clausura chea de ritmo.
Un pregón con humor
O domingo, a xornalista e humorista viguesa María Foscaldo, co seu personaxe Virtudes a Repunante, será a encargada de dar o pregón (12:30) cun toque de humor que promete arrancar sorrisos e conectar co espírito festivo da vila.
Experiencias únicas: viaxes a San Simón
A festa ofrece viaxes en barco á illa de San Simón con visitas guiadas por 6 euros. Os horarios son o sábado e domingo ás 12:00 e 17:00 desde o porto de Cesantes, e ás 18:00 desde o peirao do museo Meirande. As entradas poden adquirirse no Museo Meirande (986 458 891) ou na Oficina de Turismo de Redondela (986 401 713), con posibles prazas adicionais a través de www.crucerosangel.com.
A empresa local Eurored volve encargarse de decorar as rúas con redes e aparellos mariñeiros, creando unha atmosfera que mergulla a visitantes e veciños no espírito mariñeiro de Redondela. Digna Rivas agradeceu o seu compromiso: “O traballo de Eurored é esencial para darlle á festa esa maxia especial”.
A Festa do Choco é froito da colaboración entre o Concello, a veciñanza e os negocios locais. Na presentación, xunto a Digna Rivas e a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, participaron hostaleiros e hostaleiras xunto aos históricos Manolo Conde e José Manuel Durán, fundadores da festa, que recordaron as súas orixes e o seu crecemento ata converterse nun referente gastronómico e cultural. Conde aproveitou a presentación para solicitar ao Concello a creación dunha estatúa en forma do cepalódo para honrar con orgullo a festa gastronómica máis importante de Redondela.
Redondela prepárase para tres días de festa nos que o choco, a música e a tradición se dan a man para consolidar a vila como un destino imprescindible. Como di Digna Rivas: “Grazas ao traballo dos nosos mariñeiros e mariñeiras, o choco de Redondela é coñecido en todo o mundo”. Non hai mellor momento para descubrilo que na XXXVIII Festa do Choco.






Unha resposta
A que hora comenza a degustacion do venres e do sabado,e a hora de peche cal e?