O bo tempo acompañou unha xornada de festa e tradición en Redondela que neste xoves reunía na Alameda de Castelao as 23 figuras que se presentaron ao concurso. Conos e cruceiros recibiron unha vez máis o premio a Maio tradicional mentres que na categoría de Maio artístico o primeiro premio recaeu nas Redeiras presentadas pola Asociación de Mulleres Arela de Saxamonde, o segundo foi para a figura presentada pola Anpa de Porto Cabeiro cunha estrutura que representaba ao miliario de Vilar mentres que a Anpa de Cedeira foi merecedora do terceiro premio cunha réplica do viaduto. Temas de actualidade como a convulsa política local, as peonalizacións ou os apartamentos turísticos formaron parte da temática abordada con retranca nas coplas.
Unha edición máis foron os Maios artísticos os que espertaron maior asombro entre o público, xa que ademais dos premiados tamén se puideron ver unha batea, un botafumeiro, un canastro ou un carro de bois, entre outras figuras elaboradas seguindo a tradición: con fiuncho, pampullos, flores variadas e outros elementos permitidos nas bases. Con todo, tamén os enormes conos e os floridos cruceiros espertaron a atención das persoas que animadas polo bo tempo do que se gozou durante toda a mañá se achegaron á Alameda.
As coplas volveron estar cargadas de retranca con moitas referencias á situación política no ámbito local e os desencontros entre PSOE e BNG, as peonalizacións, as vivendas, os albergues e peregrinos ou a polémica sobre o miliario de Vilar e a “apropiación” deste elemento do patrimonio por parte de Mos. Moitas coplas tamén apegadas a actualidade sobre a instalación de Altri en Galicia, a política estatal, Donald Trump ou a guerra contra Palestina. Nesta categoría levouse o primeiro premio Case non Chegamos da Asociación de veciños O Eixo de Soutoxuste quen se fixo tamén co primeiro premio na categoría de Maio tradicional.
A resolución do xurado, integrado por Ana Area, Xosé Couñago e o presidente do Obradoiro de Estudos Redondeláns, José Antonio Martínez, outorgou os seguintes premios:
Premio Maio Tradicional
1º Premio: Case non chegamos (A. VV. O Eixo de Soutoxuste)
2º Premio: Amigos do Carballo
3º Premio: As florciñas
Premio Maio Artístico
1º Premio: As esquecidas (Asoc. Mulleres Arela)
2º Premio: O marco que nos une (ANPA Porto Cabeiro)
3º Premio: Cruzado a vila (ANPA de Cedeira)
Premio Coplas
1º Premio: Case non chegamos (A. VV. O Eixo de Soutoxuste)
2º Premio: O cono dos meniños (Asoc. Mulleres Arela)
3º Premio: O maio da raíña (ANPA Cedeira)
Premio Interpretación
1º Premio: A Ramallada
2º Premio: O cono do amor (A.C.R. Quintela)
3º Premio: O carballo das cen pólas (Asoc. O Carballo das Cen Pólas)




