As celebracións, organizadas dende o departamento de Normalización de Soutomaior en torno ao Día das Letras Galegas, vivirán o seu acto central este sábado 3 de maio coa colocación na Casa do Concello dunha estatua en homenaxe a María Grande Sobral “Maruja da Cregha” natural de Cortellas(1931-2013) a quen lembran coma “unha figura indispensable para a nosa cultura e a música tradicional polo seu legado como cantareira e tocadora”. Un obradoiro de construción de pandeiros, un taller de baile e unha charla completan esta homenaxe.
O servizo de Normalización Lingüística de Soutomaior arranca así coa celebración das Letras Galegas. Unha programación que comezará o venres cun obradoiro de construción dun pandeiro cadrado no que os participantes aprenderán a construír este instrumento que levarán consigo ao finalizar. Un obradoiro impartido por Xosé Maceda Gallego e dirixido ao público de máis de 12 anos que se desenvolverá en horario de 19:00h – 23:00h na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval (Soutomaior). Unha cita que será de balde e cotará con prazas limitadas (mínimo 8 e máximo 12) as inscricións en liña abriranse esta tarde a partir das 17:00h. en www.soutomaior.gal.
O día central desta homenaxe será o sábado 3 de maio, xornada que comezará ás 13:00h na Casa do Concello coa colocación da estatua en homenaxe a María Grande Sobrál “Maruja da Cregha”. Pola tarde, ás 16:00 horas, descubrirase unha placa na súa casa natal na aldea de Cortellas nº 28 como xesto de recoñecemento expreso desta figura indispensable para a nosa cultura.
Ás 16:30h. dará comezo a Palestra ‘Maruja, entre pandeireteiras anda o conto’ que servirá para lembrar o seu legado como unha das últimas portadoras da viva tradición de tocar o pandeiro na zona de Pontevedra. Unha cita moderada por Vane Barreiro, veciña de Cortellas e na que participarán Xabier Díaz, músico galego. Cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional; Lucía Lorenzo, editorial OQO e membro do Grupo de Baile e pandeireteiras de Soutomaior, de Cantares de Brión e do grupo Volta e Dálle; Marcelo Dobode, artista multidisciplinar en arte galego, creacións en música, teatro, danza, pintura, escultura; Isabel Blanco, cantareira de Lourido (Soutomaior) e Olalla Lomba e Begoña Fernández, o relevo das pandeireteiras de Soutomaior.
Marcelo Dobode conducirá a partir das 18:30h. un obradoiro de baile tradicional de balde e sen inscrición previa destinada a público maior de dez anos. A xornada rematará co “Serán pola língua” nunha carpa instalada en Cortellas a partir das 20:00 horas e na que se servirán petiscos ás persoas asistentes.

