Hoxe é Domingo 25 de Maio de 2025

O actor e titiriteiro Andrés Giráldez recolle o premio Andaina no inicio do Festival de Curtametraxes

fac andaina

O FIC Andaina abre este xoves e durante tres días as actividades en aberto ao público en xeral logo de achegar o seu cine inclusivo aos escolares dos centros educativos de Redondela e contorna. O primeiro acto do programa será a entrega do premio á figura local máis destacada pola súa traxectoria profesional no ámbito audiovisual que nesta edición recae en Andrés Giráldez, natural de Redondela, actor e titiriteiro de Tanxarina cunha carreira profesional de máis de 30 anos. O venres e sábado proxectaranse as curtas a concurso. Un programa que busca visibilizar e sensibilizar sobre a diversidade funcional a través do mundo do audiovisual.

A cerimonia de entrega do premio a Andrés Giráldez terá lugar ás 17:30 h. na sala de exposicións do multiúsos da Xunqueira, espazo no que se atopa tamén unha exposición pola historia do festival.

A continuación, o auditorio da Xunqueira será o escenario da proxección da longametraxe infantil Búfalo Kids, unha obra de Pedro Solís, que recupera o entrañable personaxe da súa galardoada curtametraxe “Cuerdas”, para ofrecernos unha marabillosa historia de dous irmáns que emprenden unha viaxe polo Salvaxe Oeste, onde coñecen a Nick, un extraordinario amigo que lles cambiará a vida para sempre.

Antonio García, director do FIC Andaina

Actividades abertas ao público xeral que chegan logo da programación escolar que se desenvolveu nos últimos días e que ten unha relevancia especial para os organizadores do FIC, segundo no explicaba o seu director Antonio García.

O venres 2 será a quenda das películas seleccionadas polo xurado, nas categorías de Ficción e Documental. A inauguración oficial será ás 19:00 horas, coa actriz Estíbaliz Veiga, que será a presentadora da gala á que asistirán directores e representantes das películas participantes.

Un abano de películas que abordan todos os xéneros, seleccionadas pola súa temática e pola elevada calidade que presentan.

Na sección de documentais, proxectaranse as curtametraxes “Cala, Cala son” da santanderina Lucía Venero, “Lagun” do pamplonés Juan Larrañaga e a obra chilena “Tacleando Barreras” de Carlos Garrido.

Ás 20:00 horas presentarase o primeiro bloque da sección de ficción, no que se proxectarán catro curtametraxes destacadas que recibiron un amplo recoñecemento en festivais e premios de todo o país. “A casa da avoa” da viguesa Ashling Ocampo, “Tito” de Javier Celay, premiada recentemente, entre outros, no Festival de Curtametraxes de Xetafe e na Semana de Cine de Medina del Campo, “Aigua Salina” de Abraham Delgado e Ivet Moreno e “Nena”, longametraxe debut de Xosé A Touriñan como director, e coa interpretación de Antía Touriñan, Carlos Blanco, David Perdomo e o propio Touriñan.

O sábado, ás 19:00 horas, a sección escolar proxectará curtametraxes realizadas por centros educativos e centros para persoas con discapacidade. Entre as obras seleccionadas están “Os compañeiros da morte” da Residencia Relleu de Alacant, “Non hai dous sen tres” da Fundación Bobath de Madrid, “Operación Ecce Homo” da Asociación Atades de Zaragoza, “Millonetis” da Fundación Igualarte de Vigo e “O silencio” do Instituto Illa de San Simón de Redondela.

A continuación proxectarase o segundo bloque da sección de ficción, completando os oito finalistas. “Terminal” unha obra de Brasil, codirixida por Getsemane Silva e Guilherme Bacalhao

“Outono” de Anabel Diez e Luis Centurión, protagonizada polo coñecido actor Manuel Galiana

“Os convidados de Amaia”, dirixida por George Todria, e “Non serei un heroe”, de Joan Pauls.

Ese mesmo día, unha vez rematadas as proxeccións, entregaranse os premios das tres seccións competitivas, ademais do premio á mellor actuación.

A 13ª edición deste festival concluirá cun breve concerto do dúo musical “Algo pasa con Mery”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: