O goberno local presenta este xoves para o seu debate en pleno (Multiúsos da Xunqueira ás 20:00 horas) o orzamento máis alto da súa historia cunha contas que superan os 22,6 millóns. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que se trata dun documento “cun marcado carácter social, equilibrado, responsable e sobre todo sostible e xerador de riqueza e actividade económica”. Unhas contas que non sairán adiante unha vez que o BNG xa adiantou o seu voto en contra porque din “o documento de PSOE e AER consolida privatizacións, está afastado da realidade e non da resposta ás necesidades sociais”. A situación aboca á alcaldesa a seguir coas contas prorrogadas ou vinculalas a unha moción de confianza.
O orzamento e chega a pleno este xoves ascende a 22’6 millóns de euros, cun incremento dun 12,30% sobre as contas anteriores, da anualidade 2022, que ascendían a 20.173.441 euros. Nos últimos 10 anos o orzamento do Concello de Redondela aumentou un total de 4.151.217 euros. Rivas explica que o maior incremento rexistrouse nos últimos 6 anos, “cun aumento de 3.473.148 euros, o que supón unha mellor eficiencia e eficacia na xestión dos recursos”.
Rivas fala dunha cifra histórica que é posible grazas a ter logrado “unha liquidación do exercicio 2024 positiva cun remanente de Tesourería de 4,1 millóns de euros” e insiste en que situación económica do Concello está “saneada”.
Destaca a partida destinada aos Servizos Públicos Básicos que “é a área que máis aumenta con respecto ao orzamento anterior, cun18% máis, ata os 10.455.000 euros”. Esta mellora é posible, entre outras cuestións, grazas a un plan de eficiencia enerxética que permite reducir o gasto de enerxía eléctrica en 500 mil euros con respecto o ano 2024. As contas tamén recollen a suba do canon de Sogama pola recollida do lixo que supón 300.000 euros máis ao ano.
A Políticas Sociais dedícanse 2.819.000 euros. Dentro desta partida increméntase o contrato de Axuda no Fogar, SAF, con 300.000 euros máis, alcanzando 1.520.000 euros. Unha das novidades que incorpora o orzamento de 2025 é a Tarxeta Social, que é “unha forma integradora de canalizar axudas asistenciais a persoas e familias en situación de risco de exclusión social”. Para axudar ás familias tamén se duplica a partida para os comedores escolares, que pasa de 15.000 ata os 30.000 euros, e manterase o servizo de transporte aos institutos para alumnado de Bacharelato financiado polo Concello.
Tamén se incrementan os orzamentos participativos dos 180.000 aos 260.000 euros e o programa de mellora de camiños municipais nun 20%, co que a partida aumenta dos 190.000 aos 230.000 euros e no saneamentos os investimentos pasan dos 60.000 ata os 100.000 euros.
Mantéñense as axudas ás Comunidades de Augas e, como novidade, inclúese unha partida de 30.000 para axudas a particulares que precisen instalar un bombeo para conectarse á rede municipal.
Sen apoios
O orzamento levarase ao pleno deste xoves e malia o chamamento da alcaldesa “á responsabilidade de todos os grupos para sacar adiante estas contas· xa que en caso contrario “habería que adiar investimentos e melloras que son necesarias para a veciñanza”, dende o BNG xa adiantan que o seu voto será en contra. Explica o nacionalistas Xoán Carlos González que “o documento de PSOE e AER consolida privatizacións, está afastado da realidade e non da resposta ás necesidades sociais”. Unha proposta que cualifican de “enganosa que non atende ás necesidades e demandas reais da veciñanza redondelá”.
Aseguran que estes orzamentos consolidan o interese “privatizador” do bipartito PSOE e AER. Ademais de aboar a concesionarias como piscinas, recollida do lixo, auga e saneamento ou Servizo de Axuda no Fogar “páganse ata 800.000€ en novas privatizacións a empresas de limpeza de camiños e praias e vixianza dos areais do concello”.
Acusa ao bipartito redondelá de pretender amosarse como bos xestores aumentando o remanente, cando o que amosan é a súa incapacidade para executar gastos en partidas dos orzamentos do ano 2022 actualmente vixentes. “Na liquidación do ano 2024 en emerxencia social aforraron 70.000€, subvencións a clubs deixaron 100.000€ sen gastar, ou en axudas a centro parroquiais aforrando 18.000€”. Comentario a parte, din “merecen os orzamentos participativos que neste ano prevén 260.000€, papel mollado posto que o pasado ano só gastaron 25.000€ dun total de 180.000€”.
Un voto en contra dos tres concelleiros do BNG que fan practicamente imposible que este orzamento saia adiante no pleno de mañá. Agás sorpresa de última hora tan só contará co voto a favor dos oitos concelleiros do grupos de goberno (sete do PSOE e 1 de AER) fronte aos trece votos da oposición (dez do PP e tres do BNG).










Unha resposta
Como se chegue a unha moción de confianza, que pasaría se o PP ofrécelle a alcaldía a AER?. O PP sabe que AER está desaparecida e é difícil a súa presentación nas próximas eleccións. Bas queda como unha persoa que tende a man, e sabe que nas próximas eleccións a maioría absoluta está aí para el. Ollo que este pleno ponse interesante.