Hoxe é Mércores 18 de Xuño de 2025

O Concello atrasa ata setembro a xornada sobre patrimonio cultural e galeguización das festas patronais

festas patronais

Alén Nós, promotora da actividade, lamenta que o goberno local atrase unha convocatoria que estaba prevista inicialmente para este domingo 27 de abril baixo o nome “Un país en festa”. A Asociación cultural lembra que o obxectivo da actividade é abordar a situación actual nas festas así como analizar a posibilidade de implementar un novo modelo de celebración máis acorde á cultura e á identidade galega “o máis acaído era celebrar esta xornada antes do verán cando as comisións están traballando na organización das festas e podía servirlles para dar unha volta a estas celebracións”.

A xornada sobre patrimonio cultural e galeguización das festas patronais ía celebrarse este domingo cun programa no que se incluía a intervención do xornalista e divulgador cultural Manuel Gago, a etnomusicóloga Beatriz Busto e o antropólogo, economista e escritor Rafael Quintía co obxecto de dar unha volta a unhas celebracións que a día de hoxe son practicamente idénticas en calquera parte do territorio, centrando boa parte do seu orzamento na contratacións de orquestras e a celebracións de verbenas nas que se invisten milleiros de euros.

Co obxecto de dar un xiro a unhas celebracións que “a día de hoxe fan imposible diferenciar unha festa patronal de outra, e xa non só dentro de Galicia senón tamén entre unha festa dunha vila galega e outra dun pobo de Estremadura”, Alén Nós vén demandando dende hai anos a necesidade de abordar o que cualifican de “proceso de aculturación crecente coa a implantación dun modelo hexemónico de celebración baseado só no espectáculo, a perda de referentes identitarios e de valores culturais”. Por ese motivo promoveron estas xornadas para  “reflexionar sobre a deriva que están a levar as nosas festas para avanzar por un camiño de recuperación patrimonial e identitaria”.

Lamentan que o concello volva adiar a data de celebración da actividade, suspendendo a súa convocatoria ata o mes de setembro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. O Concello de Redondela ten interese cero nesta actividade, queda máis que demostrado. Alén Nós cada vez está máis afastado da Administración, pena que nunca se fala claro. Aínda que o debate é interesante, penso que non hai opcións a dita muda de tipo de evento, xa que o tradicional non move tanta xente como o que se fai hoxe en día nas verbenas de orquesta e música móvil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: