O grupo municipal do PP de Fornelos de Montes vén de denunciar publicamente a intención do goberno local de suprimir por completo a única zona verde existente na vila, que se atopa a carón do parque infantil, a través dun proxecto de urbanización de formigonado integral de todo este espazo. A formación liderada por Antía Rodríguez advirte do excesivo sobrequecemento que haberá nesta zona de xogos da cativada durante o verán.
Os populares lamentaron o proxecto escollido polo executivo socialista ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra, que financiará 281.845 euros do montante total de 331.582 euros, e incluso impulsaron a celebración dun pleno extraordinario, que tivo lugar esta mañá, para que o goberno municipal “rectificase un proxecto que non responde ás necesidades de Fornelos, con moitas eivas en estradas e saneamento, e que afonda na creación de espazos urbanos duros e despersonalizados”.
Sen embargo, e malia as intencións do PP de redirixir estes fondos a outras actuacións que entenden máis necesarias, o goberno de Emiliano Lage rexeitou esta proposta e mantén a súa intención de formigonar esta zona verde.
O PP de Fornelos tamén advertíu de que, froito do formigonado, tanto a zona do parque infantil como o resto da contorna van padecer un sobrequecemento excesivo de temperatura durante o verán, o que prexudicará o seu emprego polos nenos, e ademais lembraron que a actuación vai na liña contraria do ano anterior, cando se investiron 20.000 euros para crear unha zona orientada a mitigar o calor deste espazo e que agora van desfacer, malgastando eses fondos.
Finalmente, os populares lamentaron a decisión “claramente errónea” do goberno local e anunciaron que seguirán insistindo, ata o día en que comece a obra, para que se rectifique e se acometa, con estes fondos, “un proxecto alternativo máis respectuoso e necesario”.