O colectivo cultural asegura que existe un compromiso en firme por parte do goberno local para corrixir as deturpacións existentes na toponimia na parroquia de Reboreda. Existe de feito un novo modelo de placas que inclúen un código QR que dará acceso a páxina de toponimia do Concello o que facilitará coñecer o significado de cada nome. Con todo, os traballos de substitución das placas actuais aínda non comezaron.
Dende hai anos unha das peticións recorrentes por parte de Alén Nós fai referencia á necesidade de corrixir as anomalías e incorreccións que presenta a actual sinaléctica dos vieiros das parroquias, particularmente na de Reboreda. Uns erros que están recollidos nun informe elaborado pola propia asociación e que xa lle foi trasladado ao concello.
A súa demanda pasa por retirar aqueles letreiros nos que camiños ou lugares están incorrectamente identificados así como corrixir aqueles outros nos que se teñen cometido graves erros no traslado do nome orixinal ao que finalmente aparece no rótulo.
Uns erros que se remontan ao ano 2010, cando o Concello de Redondela comezou un proceso de rotulación dos nomes dos vieiros do municipio que incorreu en numerosos equivocacións. A asociación Alén Nós foi recollendo todos os erros ao longo dos anos e presentándollos ao Concello chegando incluso ao pleno no ano 2015, no que se aprobou por unanimidade unha moción na que se solicitaba a corrección de todas as deturpacións.
Malia que polo de agora este acordo plenario non foi executado nin se realizou ningunha corrección confían en que o Concello avance neste proceso “unha vez que xa contan cun novo modelo de placas nos que se inclúe tamén un código QR que facilitará que calquera persoas cun teléfono móbil poida acceder directamente á explicación sobre a orixe de cada un dos topónimos a través dun enlace que os redirixirá a páxina web municipal”.
Dende Alén Nós apreman ao goberno local a que faga efectivo o cambio de rotulación canto antes “logo de levar agardando por esta actuación 15 anos”.