O Goberno local realizará un investimento de máis de 120.000 euros para arranxar o peche exterior do campo, as redes protectoras e a o sistema de rego e subsanar así as numerosas eivas e desperfectos que presenta o muro principal desde hai anos.
O proxecto foi redactado por InfoUrban e a súa realización suporá un investimento de máis de 120.000 euros ao abeiro dos fondos extraordinarios de Infraestruturas Deportivas da Deputación Provincial. O proxecto tamén contempla o cambio das redes protectoras detrás de ambas as dúas porterías do campo e a renovación do actual sistema de rego.
Con esta actuación o Goberno de Soutomaior avanza na segunda fase do arranxo do campo Graciano Padín. En 2024, xa investiu case 60.000 euros no arranxo do acceso principal ao recinto deportivo e en varias infraestruturas, así como 20.000 euros máis para a instalación dun sistema de aerotermia nos vestiarios, aforrando notablemente o consumo de combustible e mellorando a eficiencia enerxética. Así, unha vez se execute esta segunda fase da reforma integral do campo Graciano Padín, o Goberno de Soutomaior terá investido máis de 200.000 euros na adecuación do campo.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “grazas a este importante esforzo, o campo deixará de estar no século pasado e pasará a ser un recinto deportivo do século XXI, poñéndose á altura doutras instalacións deportivas municipais nas que tamén se están a realizar importantes actuacións”. Neste sentido destacou os 65.000 euros que xa se investiron no campo de Salgueirón. Ambas instalación son empregadas casa semana por preto de 500 rapaces e rapazas do concello e polas súas familias “que merecen unhas instalacións deportivas á altura”.