A Concellería de Medio Ambiente iniciou nos últimos días a reitar o lixo arrastrado polos temporais aos areais do concello. As limpezas están a realizarse na praia de Cesantes, na de Arealonga en Chapela e na praia de Rande.
Os traballos na praia de Cesantes inclúen tamén a reparación dalgúns elementos de madeira danados polos temporais deste inverno e dun aseo, que tiña os paneis deteriorados. A limpeza dos areais está a facerse de xeito manual, e tamén se traballa na contorna das praias. Estes días están a facerse labores de limpeza e mantemento nos xardíns e paseos, co baldeo e acondicionamento destas zonas de esparcemento. Uns areais que anuncian estarán en perfecto estado nesta Semana Santa malia que o mal tempo non animará ao seu uso.
Lembrna dende o Concello que tamén se está a desenvolver un proxecto de rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares na praia de Cesantes a través dun convenio de colaboración con Galicia Suroeste que suporá a retirada manual de especies invasoras e de residuos sólidos urbanos nunha área de 15.000 metros cadrados na zona supralitoral da praia así como realizar un inventariado xeral de especies de flora e fauna autóctonas en 80.000 metros cadrados da propia enseada de San Simón, zonas adxacentes á praia de Cesantes, o Paseo da Portela e Punta Socorro. O inventario recollerá moitas especies de aves migratorias que fan a súa parada na enseada, e tamén anfibios, réptiles e mamíferos que poden ser observables por persoas usuarias e turistas de forma fácil.
A iniciativa inclúe a creación dunha guía didáctica en formato dixital para divulgar o proxecto entre os visitantes e turistas “que servirá para poñer en valor este espazo natural con vistas á promoción de novos produtos turísticos sostibles”.