A dedicación parcial do concelleiro do PSdG, Alberto Álvarez segue no aire, unha vez que o goberno local xa rexeitou un dos puntos que o PP considera “irrenunciable” para votar a favor da retribución do edil. A voceira socialista Rita Pérez asegura que “é viable” suprimir o cargo de confianza do BNG pero rexeita a segunda das condicións impostas polos populares porque “facer cambios na actual ordenanza do lixo é inviable, xa que o procedemento realizouse tras un estudo técnico para garantir a estabilidade orzamentaria”.
PP e PSOE reuníanse na xornada de onte co obxecto de avanzaron na negociación dun posible acordo de cara a aprobar un salario para o concelleiro socialista que se incorporara ao goberno logo da renuncia de Pilar Martínez. Logo da xuntanza os populares avanzaban que a negociación estaba centrada en dous puntos. Por unha banda solicitaban a supresión da praza do persoal de confianza do Bloque, asunto no que habería acordo logo de que a alcaldesa lles confirmara “que xa tiña previsto o seu cese”. O segundo dos puntos, que o PP consideraba irrenunciable era a restitución e rebaixa da taxa do lixo.
Horas despois os socialistas rebaixaban as espectativas dos populares. Confirmaban a posibilidade de eliminar a praza do persoal de confianza do Bloque, froito do pacto de investidura xa que “ao tratase dun cargo de confianza designado pola alcaldesa, a petición dos populares é viable”.
Pero rexeitaban rotundamente a segunda das peticións do PP argumentando que “a nova ordenanza para a recollida do lixo é innegociable xa que se trata dun servizo totalmente deficitario”. Engadía Pérez que “o cambio que solicitan os populares tecnicamente non é posible xa que a actualización das taxas aprobouse tras un acordo plenario e non ten marcha atrás”.
Lamentan os socialistas que o PP poña unha condición que é “inviable” para da o seu apoio a que o edil Alberto Álvarez teña unha retribución. O concelleiro esta a facer o seu traballo sen ningún tipo de remuneración desde hai meses logo de que tanto o PP como o BNG votaran en contra en sesión plenaria. “Se os populares estiveran pola labor de que este compañeiro cobre un salario xusto polo traballo que fai, bastaría con se abstiveran no pleno”, lembra Pérez Táboas.