A comunidade educativa do colexio Laredo respira un pouco máis tranquila unha vez que o Concello procedeu á colocación dun valado perimetral que busca impedir o acceso á zona de risco de desprendemento. Tamén se instalou unha rede de protección para evitar a caída de materiais. Unha actuacion comprometida polo goberno local hai dous meses e que supoñen unhas medidas provisionais porque, segundo explican dende a Anpa “é preciso unha reforma integral da cuberta do centro”.
O goberno local comprometíase hai dous meses coa dirección do Colexio e representantes da Anpa, a colocar un valado perimetral co obxecto de impedir o acceso á zona en risco así como proceder a instalación dunha rede de protección para evitar a caída de materiais. O obxectivo destas medidas é garantir a seguridade no centro escolar ante a eventual caída de tellas. Unhas medida que se están a realizar estes días, o que supón un alivio para os usuarios do centro, tal e como nos explicaba dende a Anpa Martín Diéguez.
Insisten dende a Anpa que esta debe ser unha medida “urxente e provisional” xa que o mal estado da cuberta fai preciso que se acometa unha actuación máis ambiciosa, como o cambio do tellado ou a súa completa reparación.
O Concello de Redondela enviou hai tres meses un informe técnico á Consellería de Educación da Xunta de Galicia advertindo da grave situación que presenta o tellado do centro e reclaman ao goberno galego que asuma as súas competencia e garanta a seguridade dos máis de 180 alumnos e alumnas do centro, así como das familias, profesorado e viandantes que pasan pola beirarrúa do colexio.
