Hoxe é Venres 23 de Maio de 2025

Baloncesto e solidariedade no II Torneo 8M do CB Redondela

482321211_122172678962273301_2004737457949173058_n

Fotos de Josefa Calvar

Club de Baloncesto de Redondela celebrou con éxito o pasado sábado 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, a segunda edición do seu torneo solidario no Pavillón do IES Mendiño. O evento, que contou coa asistencia de 100 persoas, logrou recadar 400 euros que serán destinados integramente á ONG local Da Man, dedicada a apoiar causas sociais no Senegal.

O torneo, disputado nun formato triangular, enfrontou ao equipo de nais de Redondela contra as formacións ‘Demamas’ do Morrazo e o CB Condado. As xogadoras locais, que levaban dous meses preparándose para a cita, ofreceron un gran espectáculo deportivo que combinou competitividade e solidariedade. Neste caso, non houbo gañadoras oficiais: todas as participantes recibiron o mesmo trofeo, nun xesto que puxo o foco na visibilización do deporte feminino e na solidariedade como verdadeiros obxectivos do evento. A entrada, cun prezo simbólico de 1 euro, e a venda de rifas contribuíron ao éxito da recadación.

A madriña desta edición, Sara Vidal, capitá do Celta Zorka Recalvi, foi unha das grandes protagonistas da xornada. Sucedeu a Cristina Cantero, adestradora do mesmo equipo e madriña da edición anterior, e deixou unha pegada especial ao doar unha camiseta oficial asinada para o sorteo.

Entre os premios rifados tamén destacaron un vale de Mapache, un exemplar do libro “Os deportes de Vigo e a súa área metropolitana” de Eugenio Álvarez e un almorzo cortesía de Avomakika. O comercio local sumouse á causa con diversas achegas, e a cantina do pavillón permaneceu aberta, animando o ambiente durante toda a tarde.

Desde o club mostraron a súa gratitude pola resposta da veciñanza, que acudiu ao pavillón en apoio a esta iniciativa. A combinación de baloncesto, compromiso social e apoio comunitario converteu este torneo nunha cita destacada en Redondela, onde o resultado final pasou a un segundo plano fronte á importancia de dar visibilidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: