Hoxe é Luns 19 de Maio de 2025

Redondela conmemora o 8M cun acto institucional e unha chamada á igualdade transformadora

Acto institucional 8M

O Auditorio da Xunqueira acolleu este mediodía o acto central das celebracións do Día Internacional da Muller en Redondela, un evento que reuniu a autoridades, veciñanza e diversos colectivos baixo o lema “O poder de cada muller transforma o mundo”. Esta frase, creada polo CEIP Quintela tras ser elixida nunha enquisa entre asociacións, centros escolares e de día do municipio, reflectiu o espírito da xornada: visibilizar o talento feminino e derrubar as barreiras que o limitan. O Concello, que deu inicio ás actividades onte, reafirmou o seu compromiso coa igualdade de xénero nunha cita cargada de simbolismo.

A xornalista María Foscaldo, interpretando o seu personaxe “Virtudes”, leu o manifesto aprobado pola corporación municipal, un texto que destacou a necesidade de recoñecer as achegas das mulleres en ámbitos como a ciencia, onde só o 6% dos Nobel históricos foron para elas, ou o deporte, onde se loita por superar desigualdades en salarios e visibilidade. O documento tamén abordou retos globais como a violencia machista, a pobreza feminizada e o idadismo, que afecta especialmente ás mulleres maiores, expostas a maior risco de illamento e dependencia.

A xornada contou cunha actuación do grupo de teatro Setrestelo de Chapela, que puxo o foco na igualdade entre homes e mulleres, e coa participación activa de centros como o colexio Santa Mariña, os centros de día de Cesantes e Os Cortizos, e asociacións como Andaina e Lenda. Ademais, mulleres das directivas de clubs deportivos locais sumáronse ao evento, destacando o crecente liderado feminino neste ámbito. Desde o Concello, puxeron en valor o talento das deportistas redondelás e o aumento da presenza feminina en equipos técnicos e xuntas directivas, comprometéndose a impulsar políticas contra o acoso e a discriminación no deporte.

O manifesto tamén fixo un chamamento ás administracións para apoiar o talento feminino na ciencia e na tecnoloxía, así como para garantir os dereitos e a voz das persoas maiores, con especial atención ás mulleres. “A igualdade real require un esforzo colectivo”, sinalaron a alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, agradecendo a implicación de todos os participantes na campaña.

A programación continuará esta tarde, ás 19:30, cunha charla nas oficinas de Turismo da rúa Isidoro Queimaliños titulada “Xuntas no Deporte”. O encontro, aberto ao público, reunirá a mulleres como Paula Fernández (Club Baloncesto Redondela), Déborah Bouzón (CBF As Choqueiras), María González (BM Chapela), Vicky Ricón (CD Choco), Ana Romasanta (Asociación Deportiva CAR) e Carla Abad (Federación Galega de Balonmán), quen compartirán as súas experiencias na xestión deportiva e o seu papel na ruptura de estereotipos.

Redondela pecha así unha xornada que combina reflexión, cultura e compromiso, enviando unha mensaxe clara: o cambio cara á igualdade é unha tarefa compartida que necesita accións concretas e a unión de todas e todos. Mañá, 8 de marzo, as mobilizacións na contorna seguirán amplificando esta vontade de transformación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: