O veciño de Redondela de 48 anos de idade acusado de ser o autor do homicidio que na madrugada do pasado venres causou a morte doutro home nunha liorta que se producía na rúa Xeneral Rubín, acudiu na xornada de onte aos xulgados para prestar declaración. O detido, que alegou lexítima defensa, está acusado de dous delitos de homicidio, un deles en grao de tentativa.
A responsable do Xulgado de Instrución de Redondela decretou o ingreso provisional, comunicada ee sen fianza, para o detido que na madrugada do pasado venres causou a morte por arma branca a outro veciño de Redondela e feriu de gravidade a súa parella.
O acusado declarou lexítima defensa porque, segundo dixo, o falecido o ameazara a el, a súa muller e a súa filla menor a través de mensaxes ao wassap e tras quedar, para tentar solucionar as diferenzas que arrastraban durante anos, enzarzáronse nunha liorta co fatal desenlace.
Lembramos que os feitos tiveron lugar a madrugada do pasado día 31 de xaneiro no núcleo urbano de Redondela, pasadas as 1:30 horas. Unha discusión entre os dous homes, que arrastraban diferenzas desde facía anos, acabou cun deles causando graves feridas de arma branca ao outro e á súa parella, deixando a ambos os malferidos, e dándose á fuga no seu vehículo.
Até o lugar desprazáronse tres coches patrulla da Policía Nacional, un da Policía Local de Redondela e o Coordinador de Servizos da Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela.
A pesar de ser atendidos polo persoal de dúas ambulancias, nada se puido facer pola vida do home, que faleceu no lugar. A súa parella foi estabilizada e trasladada ao hospital en estado grave onde tras ser intervida de urxencia permanece con prognóstico reservado.
A rápida intervención dos axentes, explican dende a Policía Nacional, levoulles até o domicilio do presunto autor, onde tras unha longa conversación co mesmo conseguiron que saíse e procederon á súa detención. Pola súa banda a Policía Local de Redondela deu co vehículo da fuxida, o cal foi trasladado a dependencias policiais.
Xa en dependencias policiais, e tras uns intensos días de traballo, con rexistros, declaracións, e as pertinentes dilixencias de investigación, o detido pasou a disposición do Xulgado de Garda de Redondela, onde onte prestou declaración.