O Club de Remo de Cesantes presenta un novo capítulo no remo feminino con a creación do equipo Cesantes-Bueu-Cefycal-Simei, que substitúe á embarcación Cesantes-Amegrove-Cefycal. Este equipo, que vén de lograr grandes éxitos na tempada 2023/2024, inclúe novas incorporacións e está centrado na aposta pola canteira e na formación dunha embarcación sénior feminina que competirá esta tempada na Liga Galega de Traiñeiras.
O novo proxecto chega logo dunha exitosa tempada 2023/2024 na que o equipo feminino anterior acadou o segundo posto na Liga Galega de Traiñeras, tan só por detrás de Chapela, e o segundo posto no Trofeo Teresa Herrera, nunha tempada que tamén os levou á clasificación para a Bandeira da Concha, onde non lograron chegar á final, pero si conseguiron unha notable clasificación.
O adestrador Felipe Silva destaca que, a pesar dos cambios, os obxectivos para o futuro están claros: “O noso principal reto agora é consolidar a nova embarcación feminina sénior e que sexa competitiva. A canteira sempre foi unha das nosas apostas principais e seguiremos traballando nela”, asegura.
A tempada 2025 virá cargada de novos desafíos, entre os que destaca a incorporación de tres novas remeiras xuvenís, apostando pola continuidade e o desenvolvemento do talento local. Ademais, o club segue ampliando horizontes, coas súas embarcacións tanto femininas como masculinas participando en todas as categorías da Liga Galega de Bateis deste ano. Neste contexto, Bueu e Cesantes competirán por separado na tempada de bateis, que servirá como adestramento para a tempada de Traiñeiras, que comezará no verán, cando ambos os clubs se unirán para formar a súa embarcación de maior tamaño.
Non obstante, a pesar dos avances no proxecto, o club enfróntase a unha gran dificultade, que é a falta de vestiarios e de instalacións adecuadas para as deportistas femininas. Felipe sinala que isto se está a converter nun problema importante, xa que, a pesar da boa resposta da canteira e do crecemento do remo feminino, as deportistas se ven obrigadas a marchar a outros clubs que lles ofrecen mellores condicións. “A falta de espazos adecuados para que as nosas remeiras se sintan cómodas e ben atendidas é un dos maiores problemas que temos agora. Necesitamos mellorar as instalacións para que as nosas deportistas se queden no club e sigan a súa evolución aquí”, subliña o adestrador.
A tempada de bateis arranca este domingo 2 de febreiro en Cangas, coa celebración da XXIV Bandeira Concello de Cangas de bateis, logo de que se adiara a VIII Bandeira de Bateis Amegrove debido á Borrasca Herminia.
Sen dúbida, o Cesantes-Bueu-Cefycal-Simei será un equipo a seguir nesta tempada, con grandes aspiracións e un futuro prometedor. A participación activa de dúas embarcacións femininas de Redondela na LGT, contando coa do Club de Remo de Chapela, reafirman o momento histórico que vive o remo feminino en toda a comarca.