As aulas de CeMit de Redondela e Chapela acollerán dende finais de xaneiro ata marzo cursos gratuítos orientados a mozos e mozas de 9 a 17 anos de idade. A presentación solicitudes farase nos rexistros do Concello de Redondela e o alumnado será seleccionado por orde de inscrición
Este campamento dixital é un programa de actividades extraescolares gratuítas para nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos en competencias dixitais. Son sesións de 30 horas de formación gratuíta máis actividades complementarias en liña guiadas, polas tardes como unha actividade extraescolar. Para estes cursos ofértanse en diferentes horarios mais de 60 prazas para diferentes cursos e horarios na aula de Redondela e na de Chapela, cun mínimo de 15 participantes por curso.
A aprendizaxe desenvólvese como un xogo a través dunha aventura interactiva, na que deberán completar etapas e cumprir misións para conseguir logros.
Campamento Dixital é unha iniciativa impulsada por Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Mocidade e Infancia e o Alto Comisionado contra a Pobreza Infantil, financiado por Fondos Next Generation da Unión Europea.
As instancias para participar nos cursos pódense descargar na páxina web de Redondela (www.redondela.gal), ou recoller no Centro de Formación A Marisma (á beira da piscina municipal) e no multiusos da Xunqueira en Redondela. En Chapela pódense solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais.