O Círculo Cultural Recreativo de Chapela vén de poñer en marcha unha iniciativa que busca ofrecer ás mulleres un lugar seguro no caso de que se sintan en perigo. No seu porto deportivo no paseo de Cardona dispoñen dun timbre que está a disposición daquelas persoas que poidan atoparse en perigo “tan só teñen que achegarse á entrada do pantalán, pulsar o timbre e serán atendidas, en horario nocturno polo vixiante que se atopa no interior das instalacións e en horario diurno por algunha persoa responsable do pantalán”.
Explican dende a entidade que levan tempo “pensando en como aportar á sociedade o noso apoio, e en particular, como dar ese apoio ás mulleres”. Con esa idea, achegáronse a iniciativas que xa están en marcha noutros países baixo o nome de “Punto púrpura”, un proxecto que implantaba lugares “seguros” e comunitarios co fin de previr o acoso e a violencia de xénero, creando tótems de cor púrpura, nos cales existía iluminación, vixilancia e indicacións necesarias para alertar a alguén do que estaba a pasar.
Inspirados nesta idea, o CCR-Chapela vén de crear un “punto púrpura” no seu porto deportivo, o “náutico Cardona” situado no paseo do mesmo nome. Na entrada este pantalán dispón de timbre, o cal alerta á persoa vixiante que está no interior, no caso das noites, ou envía a chamada ao teléfono dunha persoa responsable do pantalán durante o día.
Por isto, cando alguén se atope en perigo, pode achegarse á entrada do pantalán e pulsar o timbre. Alguén da entidade lle responderá e tamén se poderá facer un seguimento nas cámaras de vixilancia.
O CCR-Chapela forma parte do “Consello da Muller de Redondela”, polo que tamén nos poñemos a disposición de calquera persoa que precise comunicar ou denunciar unha situación de perigo neste ámbito sen deixar pegada no seu teléfono.