Foto de Patry Rivas
Os partidos de balonmán en Galicia serán a porta pechada ata o 18 de xaneiro, como medida simbólica da Federación Galega de Balonmán para condenar o incidente violento ocorrido en Sanxenxo. Esta restrición afectará a todos os clubs galegos, incluíndo a SAR Rodavigo, o Balonmán Chapela e as Choqueiras de Redondela.
Non obstante, en Redondela haberá unha excepción: o Pavillón Municipal da Bomboneira abrirá as súas portas ao público para o encontro entre a SAR Rodavigo e o BM Porriño, que terá lugar o sábado 21 de decembro ás 18:30 horas, dentro da liga de División de Honra Prata feminina. Este partido, organizado a nivel nacional pola Federación Española de Balonmán, queda fóra da restrición.
A directiva da SAR Rodavigo sinalou que antes do partido se levará a cabo unha acción simbólica de un minuto para visibilizar e condenar o incidente, convidando a todos a presenciar este “gran partido dentro dunha das ligas máis importantes a nivel nacional”.
O resto dos partidos da xornada no pavillón da Bomboneira, como o do Infantil A, serán a porta pechada. As ligas de Primeira Autonómica Masculina e Feminina, así como a Segunda Autonómica, non se retomarán ata mediados de xaneiro.
INCIDENTE VIOLENTO EN SANXENXO
O incidente ocorrido en Sanxenxo que levou á decisión da Federación Galega de Balonmán de pechar os partidos foi un episodio de violencia durante un encontro de balonmán. Neste caso, o avó dun árbitro foi agredido de maneira violenta por parte dun afeccionado do público, o que causou indignación dentro da comunidade deportiva galega. Como resposta, a Federación Galega decidiu suspender a asistencia de público aos partidos de balonmán en Galicia ata o 18 de xaneiro de 2024 como medida simbólica para condenar a violencia no deporte.
Ademais, a Comisión Galega de Control da Violencia tamén abriu un expediente sancionador contra o agresor, que pode supoñerlle unha multa de ata 600.000 euros.