Redondela despide a un gran músico, pero sobre todo a unha gran persoa. Onte faleceu aos 82 anos Jesús Martínez Álvarez, o que durante décadas estivo ligado á Banda de Música Municipal de Redondela. As redes sociais enchéronse nas últimas horas de mensaxes de cariño para os seus familiares e amigos, e tamén de lembranzas deste gran mestre “e mellor persoa” tal como relatan todos os que o coñeceron. O Concello de Redondela, e tamén asociacións culturais, músicos e veciños en xeral expresaron a través de diferentes medios as súas condolencias.
Suso, como era coñecido por todos, formou parte da banda desde neno, contribuíu a recuperala logo de que cesase a súa actividade e foi o seu director desde 1998. En 2015 rendéuselle unha homenaxe pola súa traxectoria na Banda de Música de Redondela. Recolleu recoñecementos tamén noutros Concellos como o de Pontecaldelas, onde participou coa banda nas festas ao longo de moitos anos.