Un informe da Organización Mundial da Saúde vén de determinar que a carne procesada é canceríxena, e alerta tamén dos prexuízos do consumo de carne vermella en exceso. Pero semella que esa alarma no callou entre os redondeláns, que manteñen os mesmos hábitos de alimentación. Apostan por comer de todo e sen excesos, cunha dieta variada de carne, peixe, froita e verduras.
A cesta da compra dos redondeláns non variou malia o informe da OMS. Así o certifican os carniceiros do mercado de Redondela, onde a clientela seguiu a demandar os seus produtos con normalidade. Julio, que leva décadas traballando no sector, afirma que a xente “xa non fai caso a esas advertencias”, que cualifica de “contos”. Outros carniceiros como José Luís recoñecen que o primeiro día os clientes amosaban “certa confusión”, pero que en cuestión de días a situación “volveu á normalidade”. Na sección de froitería tampouco notaron cambios, nin un aumento da demanda de verduras ante o medo ás enfermidades. Jose advirte que a xente non se alarma con informes como o elaborado pola OMS, xa que hai outros produtos como “o tabaco ou o alcol”, máis perigosos, e que a sociedade “segue a consumilos”. Sinala que o ideal é “levar unha dieta equilibrada e comer de todo sen abusar”. E os clientes de Redondela opinan o mesmo, apostan por aplicar o sentido común, “comer variado e de xeito saudable”, e recoñecen que non modificaron os seus hábitos logo do anuncio da OMS, como explica Begoña. Aurora e Mari tamén sinalanque “non hai que alarmarse”, e que é preciso “comer de todo con moderación”, e non abusar de produtos con máis graxas e aditivos como os embutidos. O certo é que o informe da OMS non tivo efectos negativos nas vendas de carne, e os consumidores seguen a mercar como de costume. O que si constatan os vendedores é unha caída de ventas por mor da crise. O paro que reduce os ingresos das familias é o seu peor inimigo, e resulta moito máis prexudicial para o negocio que os informes da OMS.
Este vendedor asegura que os clientes seguen a mercar os mesmos produtos.
Este froiteiro advirte que o recomendable é facer unha dieta variada e comer de todo sen excesos.
Esta redondelá recoñece que non mudou os seus hábitos de alimentación e que segue a facer unha dieta variada.
Estas redondelás non se alarman polo anuncio da OMS e apostan por comer de todo sen abusar.
Os vendedores nun acusan unha caída de ventas polo anuncio da OMS pero si por mor da crise económica.