www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Novembro de 2019

O PP critica as bases elaboradas polo goberno para a concesión de subvencións a asociacións culturais
Política • 16/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Amosan a súa preocupación porque "os colectivos perdan axudas debido á sobrecarga de burocracia e á falla de transparencia  nunhas bases cuxo prazo de presentación "remata hoxe día 16 malia que dende o goberno establecesen como día final de presentación o día 15 a pesar de saber que ese día caía en domingo". O Partido popular non dubida en cualificar de "chapuza" a xestión que está a realizar o goberno bipartito de PSdeG e AER coas distintas liñas de subvencións dirixidas a colectivos e eventos de carácter cultural.


"Parece que estean a facer todo o posible por dificultar que as asociacións accedan ás axudas." declaraba a portavoz do grupo municipal, Carmen Amoedo, para quen "o primeiro que chama a atención é a data elixida para a publicación, o 20 de agosto, en pleno verán. Os directivos das asociacións non son profesionais que vivan pendentes do Boletin Oficial da Provincia, son veciños que fan un enorme esforzo persoal e aos que as administracións temos o deber de facilitarlles as cousas"


Critican tamén que na mesma data se publiquen 5 subvencións distintas, todas co mesmo prazo de presentación "obrigando aos colectivos a preparar e tramitar varios expedientes ao mesmo tempo". Engaden como "colmo deste despropósito" que se estableza a obriga de "presentar a solicitude de certificación dixital sen asesorar previamente aos posibles beneficiarios de como poden conseguilo" .


Amoedo recordou que as subvencións publicadas o 20 agosto son "realización de actividades", "festivais non profesionais de música e artes escénicas", "festas populares, tradicionais e gastronómicas", "gastos correntes de centros parroquiais, e "actividades culturais para centros, asociacións e entidades culturais", e animou aos colectivos a facer un esforzo e completar os trámites antes do remate do prazo, o próximo luns 16, "aínda que o goberno engadise aínda mais confusión ao procedemento, establecendo unha data concreta, o 15 de setembro, como día final de presentación, a pesar de saber que esa data caía en domingo".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: