www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Decembro de 2019

Redondela aproba un salario de 45.000€ para a alcaldesa nun pleno bronco entre Rivas e Amoedo
Política • 12/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Rifirrafe continuado entre a alcaldesa Digna Rivas e a voceira do PP, Carmen Amoedo quen chegou a cualificar ao novo goberno PSOE-AER de "pacto de perdedores". Continuas chamadas a orde por parte da alcaldesa quen, malia os enfrontamentos e a presidir un goberno en minoría, si logrou sacar adiante os asuntos incluídos neste pleno organizativo. Ademais do salario da rexedora aprobáronse as asignacións económicas ao restos dos concelleiros con responsabilidades de goberno. Quedou sobre a mesa a creación e retribución dos postos de persoal de confianza que queda supeditado á negociación das asignación aos partidos políticos, logo de que así o solicitara o BNG.


Arrancaba o pleno con tensión e enfrontamentos continuados entre a voceira do PP, Carmen Amoedo, e a alcaldesa, Digna Rivas, que de xeito reiterado lle pedía que baixase o ton nas súas intervencións que dende o inicio foron moi belixerantes.


De feito, xa no primeiro punto, no que se abordou a conveniencia de adiar media hora o inicio dos plenos que se celebran nos meses de verán, pasando das 20:00 ás 20:30 horas, a voceira do PP chegou cualificar a iniciativa de "intento de coartar a liberdade de expresión dos grupos políticos ao reducir a duración dos plenos media hora".


Máis prolongado foi o debate sobre o salario da alcaldesa, que ascenderá a 45.000 euros logo de que así se aprobara cos votos a favor de PSOE e BNG. De feito, insistía o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, que "é necesario que os políticos teñan soldos dignos  atendendo tamén a un traballo no que deben asumir moitas responsabilidades".


Defendía a proposta o socialista Leonardo Cabaleiro insistindo en que o gasto xeral que o novo goberno dedicará a soldos e asignacións é menor do que se destinara a estas partidas no mandato anterior.


Con todo, non lograba o PSOE o apoio dos seus socios de goberno, quen optaron pola abstención por "coherencia, xa que hai catro anos defendemos que o salario do alcalde non debía superar os 40.000 euros e nos mantemos na mesma opinión" explicaba dende AER Susana Couñago.


Abstención tamén dos concelleiros do PP quen, malia todo, aproveitaron para acusar ao goberno de "incoherente, que agora si admiten salarios de 45.000 euros e dedicacións exclusivas de 30.000, cando hai catro anos rexeitaban esas propostas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: