www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 22 de Agosto de 2019

Redondela lanza unha enquisa para coñecer a opinión dos veciños sobre a mobilidade urbana
Institucional • 8/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Redondela busca coñecer as opinións, propostas e demandas dos veciños en materia de circulación, tráfico, estacionamento e transporte público. Por ese motivo, ten en marcha unha enquisa a través da súa páxina web na que, de xeito anónimo, todo o que o desexe pode deixar as súas respostas en temas como o uso dos medios públicos de transporte, a empregabilidade do coche ou o xeito no que accedemos aos centros educativos.

 


O Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) é unha iniciativa impulsada polo Concello de Redondela para dar a coñecer e debater as directrices estratéxicas e as principais propostas do futuro Plan que deberá implantarse no municipio de cara a mellorar os nosos modos de desprazamento.


Co obxecto de recoller as opinións e as preocupacións existentes neste eido ponse en marcha unha enquisa a través da páxina web do concello, completamente anónima, na que os interesados poden deixar as súas propostas en tres eixos de traballo: circulación viaria, tráfico e estacionamento, mobilidade peonil-ciclista e transporte público.


Explican dende o concello que un Plan de Mobilidade Urbana Sustentable é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sustentables (andar, bicicleta e transporte público) dentro dunha cidade; é dicir, de maneiras de transporte que fagan compatibles crecemento económico, cohesión social e defensa do medio ambiente, garantindo, desta forma, unha mellor calidade de vida para os cidadáns.


Con este cuestionario preténdese coñecer a percepción que ten a cidadanía ao redor dos aspectos que teñen que ver coa mobilidade de Redondela de cara a implementar aquelas medidas que estean encamiñadas a mellorar este situación.


Na enquisa demándase información en canto ao medio de transporte que adoitamos empregar, o grao de satisfacción co noso medio de transporte, os lugares aos que nos adoitamos desprazar ou como se desprazan os nenos ao colexio.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: