www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Outubro de 2019

AER non descarta votar por si mesmos e deixar gobernar ao PP
Política • 11/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Malia recoñecer que o PSOE aceptou "de palabra" todas as súas propostas, esixen ao partido socialista un maior compromiso. Explicaron na asemblea celebrada onte que o PP incluso lles chegou ofrecer á alcaldía pero que non está enriba da mesa negociar con Javier Bas. Con todo engaden que, malia que o seu obxectivo é favorecer un goberno alternativo ao actual, "no caso de non chegarse a acordos programáticos cos socialistas, poderían votarse a si mesmos na sesión de investidura do vindeiro sábado, o que deixaría o goberno novamente nas mans do PP".


"Todas as opción están enriba da mesa" así o aseguraron os integrantes de AER na Asemblea celebrada no Multiúsos e na que convidaron aos asistentes, ao redor dun cento de persoas, a dar a súa opinión sobre cal sería a mellor opción de goberno para Redondela. Susana Couñago, cabeza de lista da Agrupación, explicaba que polo de agora non hai nada pechado e que do mesmo xeito que se están a desenvolver reunións co PSOE de cara a favorecer un goberno alternativo a Javier Bas "non descartamos votar por nos mesmos no caso de que as negociacións non fructifiquen".


Neste sentido, outro dos integrantes de AER, Cuni Orge, lamentaba a "falta de concreción do PSOE que, como partido que aspira a ser goberno, debería liderar as negociacións, algo que non están a facer". Confirman que as súas propostas para dar a alcaldía a Digna Rivas "salvo matices, foron aceptadas de palabra polo PSOE" pero entenden que a día de hoxe todas as opcións están sobre a mesa "queremos un goberno alternativo pero non a calquera precio".


Descartan iso si apoiar ao PP "non é unha opción malia que nos ofreceron practicamente de todo, incluso Javier Bas amosou a súa disposición a negociar a alcaldía" explicaba Ricardo Figueroa.


Un apoio que o PP non precisaría para manterse no concello, xa que ao ser a forza máis votada repetirían goberno no caso de que AER non apoie explicitamente a Digna Rivas no pleno de constitución da corporación que se celebra o vindeiro sábado día 15.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: