www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Outubro de 2019

"Trinta lumes" de Diana Toucedo, proposta cinematográfica no Millo Verde
Cultura • 3/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Festival Millo Verde arrancaba este domingo a súa programación coa apertura do Espazo Regato, no que se desenvolven estes días diferentes actividades como paso previo aos concertos que centrarán a programación na Praia de Cesantes a partir do xoves. Hoxe luns haberá sesión golfa con música de DJ One e o martes proxectarase o documental Trinta lumes de Diana Toucedo ás 20:15 horas e a continuación soará a música do grupo redondelá Chá, Cerveja e Violão.


As actividades continuarán o mércores cunha xornada a cargo da Asemblea Feminista Paxaretas na que se falará da abolición da prostitución e de seguido poderase escoitar a música de Flow de Toxo.


A partir do xoves chegan os concertos de Andoa, Mad Martin trío e Sete Cuncas a partir das dez da noite e xa o venres e sábado actividades intensas cos tradicionais obradoiros de graffiti ou o eskalabirras e música procedente de diferentes puntos do planeta con Habana (Cuba), os gañadores do concurso de maquetas, os ourensáns Tandub, Sin a deir si (Irlanda), Kon and the Zongo Brigade (Gran bretaña), Kinds of the Beach (Vigo) e os galego do Brigada Souns. Unha proposta que continuará o domingo cun intenso programa dende a mañá ata a madrugada.


Millobus e Chocochú


Para facilitar os desprazamentos de todos os que queiran achegarse haberá dous sistemas de transporte alternativos. Por unha banda a empresa Autos González porá un servizo de lanzadeiras a disposición do Festival. O Millobús funcionará o venres 7 dende as seis da tarde ata as cinco da madrugada de xeito ininterrompido. O sábado ese horario ampliarase dende as cinco da tarde ata as cinco da madrugada. O autobús pasará casa media hora e as paradas estarán situadas nos estacionamentos da Feira do Gando e no torreiro de San Pedro. O prezo do billete é de 1 euros por traxecto.


Tamén haberá a posibilidade de usar o Chocochú cun prezo de 3€ ida e volta (2€ para os nenos e as nenas). O venres de 16:00h a 20:00h da tarde e o sábado dende as once da mañá ata as oito da tarde. O Chocochú irá pasando cada hora, con saídas ás en punto dende Redondela e ás e vintecinco dende a praia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: